O goberno local entregou hoxe os premios da Semana da Tortilla e a Semana do Pincho, tanto aos establecementos que resultaron gañadores polo xurado como na votación popular.
Na Tortilla, recibiu o premio como mellor Tortilla, elixida polo xurado, Restaurante Sinuesa; mentres que o premio popular recaeu en Taberna Escondida.
En canto á Semana do Pincho, o gañador foi Taberna Escondida, cun petisco de Bacallau con Crema de Queixo San Simón, Aceite de Amendoa e Xelatina de Grelo; o gañador popular foi ONZE, co petisco “Bomba ONZE”.
O alcalde, Ramón García Vázquez, destacou a calidade que houbo nas dúas “festas gastronómicas”, unha calidade que vai en aumento ano tras ano e que serve como reclamo para continuar “promocionando Betanzos e a súa hostalería”. Subliñou, neste sentido, o importante aumento en canto a número de visitantes experimentado este ano “como así se trasladáronmo moitos dos hostaleiros” o que reflicte tamén “que son citas que teñen moito empuxe, que están consolidadas, pero que aínda así temos que seguir traballando para reforzalas. O difícil neste caso non é chegar senón manterse no tempo”, asegurou.
O primeiro edil indicou que moitas outras localidades puxéronse en contacto co concello para coñecer aspectos da organización, igual que ocorreu coa Feira Medieval. Neste sentido, pediu a colaboración dos hostaleiros para “traballar xunto cos técnicos municipais e a concellería de Comercio en novos proxectos, novas iniciativas que favorezan ao sector e, por extensión, que outros ámbitos como o comercio tamén se poidan beneficiar delas”.