García Vázquez mostra a súa satisfacción porque a Xunta atendese as peticións municipais e licite a rehabilitación doutras cinco vivendas no centro histórico

1034

O alcalde de Betanzos, Ramón García Vázquez, amosou hoxe a súa satisfacción polo anuncio da licitación, no DOG, da rehabilitación de cinco inmobles no centro histórico por parte da Consellería de Vivenda. Trátase de cinco das 11 vivendas adquiridas pola Xunta nesta zona da cidade para rehabilitar: Cerca 45, 47 e 49, rúa Nova 75 e rúa da Torre 17.

O rexedor agradeceu que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda pública atendese as peticións efectuadas polo consistorio tanto no referente a acelerar a recuperación das vivendas que tiña adquiridas como na compra de novos inmobles. García Vázquez explicou que se trata de actuacións que poden incentivar que particulares que ata agora “non se decidiron a executar obras de rehabilitación de inmobles nesta zona do centro histórico fágano agora”.

A maiores destas cinco vivendas, a Xunta está a executar actualmente as obras para recuperar tres inmobles máis. Ficarían outros tres que o primeiro edil espera que a Xunta tamén acometa a súa licitación en breve “para completar o once vivendas que adquirira hai uns anos”.

García Vázquez lembrou que nestes momentos hai varias liñas de axudas dirixidas á rehabilitación de vivendas ou a adquisición de inmobles, “programas para os que desde a Oficina de Rehabilitación se está a informar ás persoas propietarias para tratar de orientalas nos pasos administrativos e técnicos que deben de seguir”.