“Chamarei todos os días á xefatura territorial de Educación ata que me atenda. E todos os luns solicitarei ao conselleiro de Educación unha reunión ata que me reciba”. A alcaldesa, María Barral, amosou o seu “malestar” polo “desprezo que recibe Betanzos por parte de Educación” para tratar proxectos polos que Betanzos leva esperando desde hai anos como é a mellora do colexio Vales Villamarín e o pavillón dese mesmo colexio.
A primeira edil explicou que desde que se conformou o novo goberno galego leva “pedindo unha reunión co conselleiro de Educación, en numerosas ocasións, para abordar a mellora do Vales Villamarín, sen que ata agora recibísemos resposta. Pedín reunións e chamei á xefatura territorial de Educación sen resposta. Nin tan sequera me devolveu a chamada e moito menos nos deu unha cita”.
María Barral lembrou que hai dous asuntos pendentes como son a a cuberta do pavillón, “inutilizado desde o curso pasado tanto a nivel escolar como entidades”, como a mellora do colexio que seguen sen resposta Con alumnado de primeira e alumnado de segunda, xa que unha parte do centro si se mellorou hai uns anos pero a outra segue igual que hai vinte.
A alcaldesa destacou que a delegada da Xunta foi a única que a recibiu e trasladou “que as obras do pavillón se executarían a condición de que o Concello acometese a metade do financiamento. Así se acordou aínda que non sexan da nosa competencia. Iso foi hai dous meses, pero ninguén de Educación deu o paso necesario para facelo”.
María Barral indicou que a súa intención é chamar “todos os días á xefatura de Educación para ver se por insistencia ou por cansazo me poden atender”. Ademais, tamén reiterará todos os luns a solicitude de reunión co conselleiro.
A obra de mellora do centro, que inclúe pintados, calefacción, xanelas e outros servizos, leva anos pendentes. Por parte da Xunta anunciouse a licitación do proxecto en varias ocasións. “O propio conselleiro foi quen o anunciou en dúas visitas electorais, pero a día de hoxe, oficialmente, seguimos sen saber nada. Xa ía ser en xaneiro de 2024 pero todo segue igual.”
Indicou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, foi o único que si se “interesou nunha visita feita a Betanzos por outro asunto e trasladoume que a mellora entraría nos programas da Xunta, pero, evidentemente, ata agora non se concretou”.
María Barral amosou tamén a súa preocupación porque a día de hoxe tampouco se solucionasen os problemas de 12 nenos e nenas que non puideron ser escolarizados e os recortes da Xunta en profesorado de cara ao próximo curso escolar, con recorte de profesores especialistas de Pedagoxía Terapéutica (PT) despois de que o colexio pedise un profesor máis “e non só non se concedeu senón que hai dous menos”.









