María Barral insiste ante a conselleira de Infraestruturas na necesidade de garantir fondos para asumir unha nova fase de mellora da planta de tratamento de auga de 1,7 millóns de euros

310

A alcaldesa, María Barral, trasladoulle á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, a necesidade de que a Xunta habilite os fondos necesarios para poder executar a segunda fase do proxecto de mellora da planta de tratamento de auga, valorado en 1,7 millóns de euros e que viría completar as actuacións que se están levando a cabo nestes momentos para terminar cos problemas de turbidez da auga potable. A primeira edil trasladoulle á conselleira esta petición durante a visita que ambas as dúas realizaron ás obras nas que o Concello e a Xunta invisten 1,2 millóns de euros.

A alcaldesa lembroulle que esta segunda fase do proxecto estaba incluída nun convenio asinado entre o Concello e a Xunta, no que se recollía a necesidade de acometer esta actuación a continuación da “que se está executando para que esta obra, na seu maior parte civil, fose completada polos mecanismos técnicos imprescindibles para obter unha eficacia do 100%”.

Os traballos que realizan ambas as administracións contemplan a mellora do sistema de abastecemento de auga que inclúe unha serie de actuacións técnicas na planta de tratamento de auga aumentando tanto a súa calidade como a cantidade de extracción.

María Barral explicou que se trata dunhas “obras necesarias e que o Concello considera prioritarias para mellorar a calidade da auga e evitar episodios de turbidez”. As obras consisten na mellora do sistema de abastecemento co fin de incrementar a capacidade de regulación, e optimizar tamén os procesos de potabilización. O obxectivo é garantir un mellor sistema e que “os betanceiros e as betanceiras poidan ter auga en cantidade e calidade suficiente para satisfacer as demandas futuras”.

Os traballos fináncianse en varias anualidades. O Concello achegou en 2020 un total de 77 912 euros e outros 127 205 euros para 2021. O resto, ata completar os 1,2 millóns, a Xunta en varias anualidades.

A alcaldesa interesouse tamén polos prazos de licitación do plan director de saneamento, pendente por parte da Xunta.