Nova edición do Obradoiro de danza creativa en familia: movemento, apego e lingua

328

O Concello de Betanzos abre o prazo de inscrición para o Obradoiro de danza creativa en familia: movemento, apego e lingua que terá lugar lugar na Sala de Usos Múltiples os sábados pola mañá entre abril e xuño cunha programación estable que completa o programa de dinamización lingüística dos Sábados Miúdos con esta alternativa nun formato dinámico para que as familias poidan desfrutar da expresión co corpo a través da dinamización lingüística cos máis pequenos e pequenas.

O Obradoiro de danza creativa en familia: movemento, apego e lingua é un proposta destinada para 20 nenos e nenas de entre 1 e 6 anos que poderán vir acompañados de ata dúas persoas adultas e que terá lugar os sábados 29 de abril, 13 e 20 de maio e 3 e 17 de xuño ás 12:00 h na Sala de Usos Múltiples do Edificio Arquivo. Nestas sesións de movemento exploraranse diferentes aspectos a través da danza, a lingua, a música, a emoción e poñeránselle palabras ao movemento do corpo, ás accións, ás emocións, ás características, ás calidades do movemento e a elementos naturais que interpretarán mediante o corpo.

Laura Martínez Rey, educadora social e de danza movemento terapeuta, impartirá este obradoiro a través de cinco sesións cunha estrutura similar e pequenos rituais de inicio e finalización mais con diferentes dinámicas centrais e propostas para explorar. O fomento da lingua dun xeito activo entre as crianzas xoga un papel fundamental que o vincula coas emocións e o movemento neste obradoiro.

O prazo de inscrición no Obradoiro de danza creativa en familia estará aberto entre o 17 e o 24 de abril e ata completar as 20 prazas, con preferencia para as nenas e os nenos empadroados. A inscrición poderá realizarse en www.betanzos.gal (novas>obradoiro de danza creativa en familia) desde o luns 17 de abril ás 10:00 h. A confirmación da adxudicación da praza realizarase a través do enderezo electrónico facilitado no momento da inscrición.

Máis información no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos, situado no segundo andar da Casa do Concello, no teléfono 981 770 100 ou no enderezo electrónico [email protected].