O Concello iniciou as obras de renovación do parque Pablo Iglesias

357

O Concello iniciou as obras de mellora do parque Pablo Igrexas a través dun proxecto no que se investirán 99 485 euros, incluído no Plan Complementario da Deputación.

Trátase dunha actuación que contempla a plantación de árbores, a renovación de pavimentos e bordos, e novo mobiliario urbano, entre outras cousas. O perímetro do parque foi valado para impedir o acceso durante as obras.

Os traballos comezaron coa retirada de árbores mortas, que presentan un deficiente estado fitosanitario ou que teñan un grao de inclinación que supoñan risco de caída ou fractura. Plantaranse 28 novos exemplares en substitución daqueles retirados e completando o deseño do xardín.

Tamén se actuará nos carreiros do parque que están rodeados  por copas e raíces dos exemplares máis lonxevos e para a súa protección a actuación debe ser conservadora. Retirarase a capa de superficial, uns 40 mm, cos que se eliminarían as herbáceas que o han de ir colonizando así como outros restos. Executarase a capa de acabado do pavimento permeable mediante area tostada, sen partículas de lodo ou arxila, constituíndo un pavimento accesible, duro, estable, antiescorregadizo en seco e en mollado, sen pezas nin elementos soltos. Este pavimento permitirá o tránsito de peóns de forma estable e segura, sen ocasionar afundimentos nin estancamentos de augas.

Canto a mobiliario urbano retiraranse os bancos existentes por atoparse en mal estado de conservación, moitos deles semisoterrados cos sucesivos achegues de material. Proponse a colocación de varias unidades  para completar a oferta existente nos puntos de intersección dos carreiros, mais fora do camiño da circulación dos peóns. En total serán 23 bancos, con apoio e apoiabrazos (recollendo unha das peticións dos usuarios de maior idade), buscando a uniformidade en acabados e gama cromática. Tamén se substituirán as 9 papeleiras e optarase por un modelo máis actual, en consonancia cos novos bancos.

Limparanse as luminarias, as esculturas, o reloxo de sol e o escudo mediante procedementos apropiados que non deterioren o granito. Colócase unha nova fonte bebedoiro cuxo deseño, con pulsador sobre poste, permita a súa utilización por unha maior diversidade de usuarios e na intersección dos camiños diagonais colocaranse unhas xardineiras centradas, sensiblemente alombadas, con planta de longa floración.

Porase a disposición da veciñanza un sistema de educación ambiental interactivo a través de códigos de resposta rápida (QR, polas súas siglas en inglés). Colocaranse placas accesibles co nome científico, a súa denominación en galego, castelán e braille e un código QR en 20 especies arbóreas diferentes para que as persoas visitantes poidan escanear os códigos co seu dispositivo móbil e recibir información.

Co fin de mellorar a calidade e valor da contorna, a intervención incluiría a colocación en árbores de caixas-niño para distintas especies de aves e morcegos e un “hotel de insectos” co obxectivo de fomentar a diversidade de especies animais no parque e o control de pragas insectívoras. Manteranse os tocóns e mesmo se propón amorear madeira no noiro norte para favorecer a riqueza de insectos saproxílicos (é dicir, que se alimentan de madeira morta).