O Club Ciclista Betanzos presenta a súa nova tempada e renomea as súas escolas en honra a José Ventosa

156

O Club Ciclista Betanzos (CCB) celebrou o pasado venres 13 de marzo o acto de presentación da súa nova tempada, nunha gala que serviu tamén para anunciar o cambio de nome das súas escolas, que pasarán a denominarse Escolas Club Ciclista Betanzos José Ventosa.

O evento, conducido por Terio Carrera, reuniu a membros do club, patrocinadores, representantes institucionais e da Federación de Ciclismo, aos que se lles rendeu homenaxe polo seu apoio e colaboración.

Durante o acto, o concelleiro de Deportes, Ricardo Cheda, avanzou algúns dos proxectos que o Concello desenvolverá proximamente en colaboración co club. Pola súa banda, a alcaldesa, María Barral, destacou a importancia do labor formativo do CCB e valorou moi positivamente a iniciativa de poñerlle nome ás súas escolas en recoñecemento a José Ventosa.

A gala contou ademais cunha ampla representación do tecido deportivo do club desde os seus inicios. Entre as persoas asistentes atopábanse ciclistas destacadas como Patri Roel, así como membros das primeiras xeracións que contribuíron a impulsar o ciclismo na cidade, quen recibiron un emotivo recoñecemento pola súa traxectoria.

Con este acto, o Club Ciclista Betanzos reafirma o seu compromiso coa promoción do ciclismo e coa formación de novas xeracións de deportistas.