O Concello abre os primeiros novos aseos públicos autolimpables na praza dos Irmáns García Naveira

192

O Concello abriu os primeiros aseos públicos autolimpables na rúa Sánchez de Taibo, en pleno centro da cidade, entre o edificio Arquivo, sede da maior parte das dependencias municipais, e o edificio dos xulgados.

Trátase de dous aseos autolimpables e antivandálicos, unha solución adoptada desde o goberno local despois dos “ataques” que se sucederon nestes equipamentos e que facían “inviable” mantelos abertos ao público. Os aseos dispoñen dunha serie de dispositivos que axudan a controlar o correcto funcionamento destes.  Contan cun programa automático que controla o peche e apertura nunha franxa de tempo determinada.

As persoas usuarias dispoñen dunha pantalla para saber se o aseo está ocupado ou non. Tras cada uso autolimparase e permanecerá bloqueada a porta de entrada, e impedirá o acceso ao interior. O proceso comprende limpeza da tapa mediante saídas de auga a presión, secado e limpeza do chan e limpeza do inodoro.

A auga utilizada no proceso de autolimpeza está mesturada con líquido desinfectante desodorizante que cumpre todas as normativas de biodegradabilidade. O proceso de autolimpeza ten unha duración duns 30 segundos.

Cada unha das cabinas-aseo, home/muller, conta cun teito en aceiro inoxidable, iluminación interior mediante fluorescentes de tecnoloxía LED, sistema de ventilación natural en todo o perímetro da cabina, inodoro autolavable, autodesinfectado a presión e secado automático despois de cada uso con auga homoxeneizada cun desinfectante e desodorizante.

Ademais conta con papeleira para papel biodegradable, dispensador de xabrón, colgadoiro, espello, billa de aceiro inoxidable automática e secamáns con funcionamento á exposición das mans baixo unha fotocélula. Terá barra de apoio fixa e abatible de aceiro inoxidable para persoas discapacitadas. Son os primeiros que instala o Concello coa intención de que este tipo de servizos se poidan colocar noutras zonas públicas que tamén ven afectadas os actos de vandalismo.