O Concello apoia a ANPA do Vales Villamarín para reclamar á Xunta profesorado de reforzo para un dos centros con máis alumnado de Galicia

249

A alcaldesa, María Barral, mostrou o seu apoio á ANPA do colexio Vales Villamarín na súa reivindicación para que a Xunta designe máis profesorado de apoio para o centro. “É necesario que a Xunta reaccione e non abandone as necesidades educativas do colexio Vales Villamarín”.

Barral indicou que a Xunta escoite as demandas do centro, solicitadas pola ANPA e apoiadas polo Concello, e que o dote do profesorado de apoio necesario: 1 profesor/a de Educación Primaria de reforzo, 2 de Pedagoxía Terapéutica e 1 de Audición e Linguaxe, como mínimo e a tempo completo.

Considera necesario acometer estas incorporacións “o antes posible”, tendo en conta as necesidades do alumnado das que está informada “a Consellería desde hai semanas”.

Barral dixo que o Concello estará ao lado da ANPA e apoiará todas aquelas reivindicacións que se fagan pola mellora educativa en Betanzos, como no seu día “desde o grupo de goberno se apoiou unha moción no Pleno sobre reivindicacións para mellorar os centros educativos e cubrir as necesidades de profesorado, moción que non contou lamentablemente co apoio do PP de Betanzos”.