Barral propón á Xunta ampliar o radio de acción de compra de vivendas a máis zonas do casco histórico para poder seguir ofrecendo pisos de alugueiro.

366

O Concello pretende que a Xunta amplíe o seu  radio de acción de compra de vivendas no casco histórico e leve a cabo novas adquisicións “á vista da demanda existente de vivenda de alugueiro e da importancia que teñen estas actuacións de rehabilitación para incentivar tamén proxectos de iniciativa particular”, subliñou a alcaldesa, María Barral, durante o acto de entrega de chaves de vivendas celebrado xunto á conselleira de Vivenda, María Allegue.

A primeira edil lembrou que xa nas últimas convocatorias feitas pola Xunta para adquirir vivendas dentro do plan Rexurbe “houbo dificultades para que os propietarios e as propietarias de inmobles situados na rúa da Cerca e arrabaldes puidesen ofrecer vivendas á Xunta que cumprisen as condicións marcadas pola Consellería,  o que dificulta enormente que aparezan inmobles”

De aí a petición da alcaldesa para que a compra non só se centre na zona da Cerca, senón que o radio se poida ampliar a outras rúas do casco histórico “nas que sabemos que hai  persoas con vivendas en propiedade dispostas a participar no programa  e que poden cumprir as condicións”.

María Barral destacou que o programa que levou a cabo a Consellería estes anos  “foi positivo, pero hai que dar un paso máis despois de tempo sen adquirir vivendas e atrasos na entrega das que se están a recuperar”. Engadiu que “agora mesmo, coa demanda que hai é necesario seguir apostando por poñer a dispor vivendas en réxime de alugueiro”.

A alcaldesa  fixo especial fincapé en manter e potenciar a colaboración existente entre ambas as administracións para o desenvolvemento destes programas. Xunto a estas adquisicións, destacou as actuacións que leva a cabo o Concello con fondos propios en materia de mellora de rúas e as que se programan dentro do convenio co Estado e a Xunta.

Lembrou tamén a importancia que teñen proxectos de recuperación patrimonial como o Mercado Municipal, a creación dos parques en Cabildos ou rúa Travesa, alén do edificio da antiga sede da Policía que nestes momentos está en fase de recuperación.