O Concello aproba unha nova ordenanza municipal para regular as feiras dos días 1 e 16 e os mercados semanais

1639

Betanzos, 6 de febreiro de 2017. O Boletín Oficial da Provincia publicou hoxe a Ordenanza reguladora de venda ambulante na que se recolle, entre outras cuestións, o procedemento para a ocupación de novos postos de venda. Así, unha vez que entre en vigor da ordenanza, o Concello pretende realizar unha primeira convocatoria pública, mediante un sorteo, para cubrir os 18 postos que nestes momentos quedaron vacantes por diversas causas, entre elas, falta de pagamentos ou non asistencia ás feiras.

 

A idea inicial é que estes postos se cubran con profesionais de venda “de segmentos nos que non haxa demasiada presenza na feira e ampliar así a oferta de produtos”, segundo indicou a concelleira de Comercio, Mónica Carneiro. A convocatoria farase pública a través da páxina web, segundo se estipula na nova ordenanza que recolle tamén a celebración de sorteos cada seis meses en función dos postos que vaian quedando libres.

A ordenanza estipula as causas de extinción da autorización municipal por, entre outras,  non solicitar renovación de autorización; pola falta de pagamento das taxas municipais dentro do prazo establecido; por renuncia expresa e escrita da persoa titular; por non asistir a catro feiras consecutivas ou seis alternas ao longo da vixencia da autorización, agás causa xustificada; falta de pagamento das sancións municipais que se impuxesen ou cometer algunha das infraccións contidas na ordenanza, tipificadas como infracción grave, ou moi grave, ou reincidir na infracción.

A nova ordenanza inclúe diversas clases de infraccións, leves, graves e moi graves. No primeiro grupo inclúese  non exhibir a necesaria autorización, ou non facer a limpeza do espazo ocupado polo posto ao finalizar a xornada. Serán graves, entre outras, a reincidencia das faltas leves; a venda  fóra dos perímetros ou lugares autorizados ou dos horarios establecidos; venda por persoas sen autorización; ou negarse a ofrecer datos ou facilitar información a persoas responsables da Feira.

As infraccións incluirán primeiro apercibimentos, sancións económicas, e ata a incautación da mercadoría, e o peche do posto ou suspensión da actividade comercial.

Nestes momentos a feira ten uns 160 postos de venda.

 

Para descargar a ordenanza pinche aqui