O Concello contrata a renovación do parque Pablo Iglesias a través dun proxecto que inclúe o mobiliario, a plantación de árbores e o arranxo dos sendeiros

206
O Concello investirá máis de 95 000 euros para a mellora do parque Pablo Iglesias

O Concello saca a contratación a mellora do parque Pablo Iglesias a través dun proxecto no que se investirán 99 485 euros, incluído no Plan Complementario da Deputación.

Trátase dunha actuación que contempla a plantación  de novas árbores, a renovación de pavimentos e bordos, e novo mobiliario urbano, entre outras cousas. Os traballos incluirán a corta de árbores mortas, que presentan un deficiente estado fitosanitario ou que teñan un grao de inclinación que supoñan risco de caída ou fractura.

Plantaranse 28 novos exemplares en substitución daqueles retirados que completarán o deseño do xardín. A selección de especies lévase a cabo buscando a variedade de porte e cor para complementar a paleta cromática actual.

Tamén se actuará nos sendeiros do parque que están rodeados por copas e raíces dos exemplares máis lonxevos e para a súa protección a actuación debe ser conservadora. Retirarase a capa de superficial, uns 40 mm, coa que se eliminarían as herbáceas que o foron colonizando así como outros restos. Executarase a capa de acabado do pavimento permeable mediante area tostada, sen partículas de lodo ou arxila, constituíndo un pavimento accesible, duro, estable, antiescorregadizo en seco e en mollado, sen pezas nin elementos soltos. Este pavimento permitirá o tránsito de peóns de forma estable e segura, sen ocasionar afundimentos nin estancamentos de augas.

Canto ao mobiliario urbano retiraranse os bancos existentes por atoparse en mal estado de conservación, moitos deles semisoterrados. Proponse a colocación de varias unidades para completar a oferta existente nos puntos de intersección dos carreiros, mais fóra do camiño da circulación dos peóns. En total serán 23 bancos, con apoio e apoia brazos (recollendo unha das peticións das persoas usuarias de maior idade), que procurarán a uniformidade nos acabados e na gama cromática. Tamén se substituirán as 9 papeleiras e optarase  por un modelo máis actual, en consonancia cos novos bancos.

Limparanse as luminarias, as esculturas, o reloxo de sol e o escudo mediante os procedementos apropiados que non deterioren o granito. Colocarase unha nova fonte bebedoiro cuxo deseño, premedor sobre o poste, permita a súa utilización por unha maior diversidade de persoas usuarias e na intersección dos camiños diagonais colocaranse unhas xardineiras centradas, sensiblemente alombadas, con planta de longa floración.

A revalorización do edificio dos sindicatos para un novo uso será sen dúbida un revitalizador para o parque. Sempre que a rehabilitación e novo uso non se definan proponse unha solución provisional que mellore a percepción desde o parque. A proposta consistiría na retirada do parque infantil e a recuperación do trazado xeométrico orixinal do sendeiro. Na superficie antigamente ocupada pola soleira da área de xogos planéase un xardín inerte formado por unha praia de grava branca con grupos de bolos graníticos. Toda esta intervención está pensada para ser retirada e recolocada cando se executen as futuras obras no edificio.

Porase a disposición da veciñanza un sistema de educación ambiental interactivo a través de códigos de resposta rápida (QR, polas súas siglas en inglés). Colocaranse placas accesibles co nome científico, a súa denominación en galego, castelán e braille e un código QR en 20 especies arbóreas diferentes para que os visitantes poidan escanear os códigos co seu dispositivo móbil e recibir información.

Co fin de mellorar a calidade e o valor da contorna, a intervención incluiría a colocación en árbores de caixas-niño para distintas especies de aves e morcegos e un “hotel de insectos” para fomentar a diversidade de especies animais no parque e o control de pragas insectívoras. Manteranse os tocóns e mesmo se propón amorear madeira no noiro norte para favorecer a riqueza de insectos saproxílicos (é dicir, que se alimentan de madeira morta).