O goberno local trasladoulle á Xunta a necesidade de acometer actuacións en materia de seguridade nas estradas que unen Betanzos con Abegondo e Betanzos con Bergondo, ambas as dúas de competencia autonómica, e nas que de “forma periódica” se suceden situacións perigosas tanto para peóns como para condutores.
O goberno local lembra que nos últimos meses se produciron varios accidentes na vía que une Betanzos con Abegondo, afortunadamente de pouco alcance, nos que “todo quedou en sustos por saída de vía e pequenos danos materiais”. No entanto, a preocupación do goberno local, compartida pola veciñanza, é que en calquera momento, se poida producir un accidente máis grave con serias consecuencias. Por iso, o Concello reiteraralle á Xunta a súa petición para que reconsidere a súa postura e declare tramo urbano a estrada ao seu paso por Guiliade, ademais de acometer, despois de anos de peticións, a reforma da mesma vía ao seu paso por Infesta e, en concreto, pola ponte sobre o ferrocarril.
No caso de Guiliade, trátase para o Concello dun tramo netamente urbano, con vivendas por ambas as marxes, polo que considera que é necesario reducir á velocidade, como mínimo, de 70 km/hora a 50 km/h. O goberno local non logra entender como, coas características propias de Guiliade, cun núcleo netamente urbano, o tramo non se identifica nin como travesía nin zona urbana, polo que se mantén a velocidade a 70 quilómetros por hora co risco que iso supón para os veciños da zona que cada día transitan pola vía e que, ante esta situación, non teñen unha zona de paso peonil segura. A solución achegada pola Xunta ante esta situación é que ” se incrementen os controis para sancionar aos condutores e condutoras que circulan por riba do límite de velocidade”, unha alternativa “á que o Concello non se opón, pero non considera que sexa a máis prioritaria e debería de estar acompañada polo cambio de sinalización e a redución de velocidade”.
A alcaldesa, María Barral, tamén se referiu ao tramo de Infesta, un punto negro do municipio no que desde hai anos o Concello insiste ante a Xunta para que aborde a reforma da ponte sobre o ferrocarril. “Trátase dun punto no que se producen constantemente accidentes, algúns, hai anos, con vítimas mortais. É necesario modificar o tramo, e incrementar a seguridade viaria e, de forma especial, a dos peóns e as peoas”.
Ademais desta actuación, a primeira edil solicitará a construción de beirarrúas na zona de Piadela-Guiliade, así como a creación dun camiño seguro que unha Betanzos coa residencia da terceira idade e o centro Pai Menni.
Estrada Bergondo
Por outra banda, canto á estrada que une Betanzos con Bergondo, na zona das Angustias, Castro-Pontellas, o Concello considera necesario a construción de beirarrúas xa que a veciñanza que transita invadindo a calzada. Ademais, solicitarase a sinalización dalgún paso de peóns nunha travesía que, do mesmo xeito que Guiliade, pola situación das vivendas en ambas as marxes da estrada, é necesaria “mellorar de forma inmediata a seguridade”.









