O Concello de Betanzos conmemora o Día internacional con contacontos e obradoiros

980

O Concello de Betanzos conmemora ao longo deste mes o Día Internacional do Libro, que se celebrou o pasado 23 de abril, con distintas actividades programadas para promocionar o libro e a lectura, tentando promovela entre os máis novos e novas e achegarlle a importancia dos libros como ferramenta de enriquecemento cultural aos máis pequenos e pequenas.

Este ano, entre as actividades programadas para o Día do libro polo Concello de Betanzos realizouse varias sesións do contacontos “Raposadas con Antonio” por conta Raquel Queizás, no CEIP Francisco Vales Villamarín e no CPR Nosa Señora do Carme “Atocha” durante toda a mañá do día 23 de abril.

Cartel da actividade

Raposadas con Antonio” é unha colleita de contos populares de animais de tradición oral da nosa terra, que alimentaron, alimentan e alimentarán a moitas nenas e a moitos nenos galegos. Os contos de tradición oral seleccionados están protagonizados por animais personificados que se debaten entre o uso da forza bruta e o uso da intelixencia para a resolución de conflitos. Moitos destes contos, ademais de mostrarnos as características que definen a cada animal, buscan describir e explicar unha forma de vida fomentando o respecto pola natureza, axudan a coñecer a contorna natural e familiar que nos fai pobo a través da nosa lingua, os nosos contos, as nosas adiviñas, os nosos xogos e as nosas cancións.

Ademais, o Concello de Betanzos organiza ao longo de todo o mes cinco obradoiros no IES Francisco Aguiar, o IES As Mariñas e o CPR Nosa Señora do Carme “Atocha” sobre a escrita literaria no mes de abril e dentro da programación do Día Internacional do Libro e da Lectura para animar ao alumnado de secundaria dos centros de ensino betanceiros a participar no IX Concurso de creación literaria cuxo prazo está aberto desde o pasado 1 de abril e ata o vindeiro 10 de maio.

Finalmente, con este Día Internacional do Libro e da Lectura comeza a campaña “Betanzos. Poesía no comercio” que se desenvolverá ata o vindeiro 31 de maio nos comercios betanceiros que difundirán as poesía creadas polo alumnado do CEIP Francisco Vales Villamarín. Esta campaña é organizada polo Concello de Betanzos e o CEIP Francisco Vales Villamarín e conta coa colaboración de moitos comercios locais adheridos á campaña.