O Concello iniciou unha campaña de limpeza de grafitis vandálicos en distintos puntos do municipio, uns traballos que xeran cada ano un importante custo económico para as arcas municipais, acadando unha media de 40.000 euros.
Os traballos, iniciados na zona de Xuncaliño, céntranse na eliminación de pintadas en patrimonio municipal. Continuarán nos próximos días en distintas rúas da cidade como Rosalía de Castro, avenida Jesús García Naveira, Bellavista ou o barrio de Saavedra Meneses. Tamén se realizarán na contorna do Parque do Pasatempo e en distintos puntos do casco histórico como a zona de Cabildos.
Con esta campaña intensiva de limpeza, o Concello pretende recuperar espazos públicos e preservar o valor estético en fachadas, mobiliario urbano e algúns elementos patrimoniais afectados.











