O Concello de Betanzos pon en valor o papel das mulleres na educación e nas artes na súa programación polo 8 de marzo.

327

A campaña municipal deste 2026 leva por título As mulleres somos moito…na Educación e nas Artes, programándose diferentes actividades relacionados coa impronta das mulleres nestes ámbitos.

Destacan a presentación do libro María Vázquez, a mestra socialista eliminada polo franquismo, de Aurora Marco, que se celebrará para público xeral o venres 6 ás 20:00 horas no Salón Azul, e moi especialmente, a palestra Mestras: referentes de todos os tempos, que terá lugar o mércores 11 na Aula de Cultura Xulio Cuns, e que contará coa participación de docentes betanceiras, para falar sobre as oportunidades e retos do sistema educativo actual.

Vinculadas coas Artes desenvolveranse iniciativas nos centros de ensino ao longo do mes, como obradoiros de deseño de personaxes artísticas, da man de Iria Fafián, e a presentación do cómic da mesma autora Mulleres artistas no Museo das Mariñas, que terá lugar o mércores 18 ás 20:00 horas no Salón Azul, para toda a poboación betanceira.

Non faltarán citas ineludibles como a XX Xuntanza de Labores Artesanais e o Roteiro Betanzos en Feminino, o sábado 7, a entrega dos Distintivos Muller Emprendedora 2025, o venres 20, ou a concesión do Premio Úrsula Meléndez de Texeda, o domingo 22.

Completan a programación do 8M o ciclo de obradoiros Manual de supervivencia para mulleres, que constará de 3 talleres independentes: como comprender a adolescencia, como sobrevivir ao estrés cotiá, e como mergullarse no autocoidado; e o curso de defensa persoal Krav- magá. Para ambas actividades é preciso inscribirse no 981.77.07.07 ou nas dependencias dos Servizos Sociais.