O concello de Betanzos prepara un 8 de marzo no que as mulleres serán as protagonistas a través das redes socias.

428

O Concello de Betanzos focaliza as actividades co gallo do 8M nas redes sociais municipais, visibilizando o papel de diferentes mulleres galegas, axudando ás betanceiras a mellorar habilidades sociais e emocionais en tempos de pandemia, e colaborando co alumnado dos centros educativos para desenvolver un ciberactivismo feminsta. Así, o concello brigantino levará a cabo 3 actividades diferenciadas, dúas propias, e unha promovida pola Deputación Provincial da Coruña.

Do 1 ao 12 de marzo, estará dispoñible a Campaña mulleres galegas en tempos difíciles, na que se visibilizará o importante papel de 12 mulleres galegas ás que non se lle otorgou a suficiente visibilidade e recoñecemento e que tiveron que loitar cos prexuízos da época. Poderá verse nas redes sociais municipais e deseñaranse actividades específicas para os centros de ensino locais.

Ademais, durante todo o mes, desenvolverase o Programa Mulleres ao borde de…, no que o persoal dos Servizos Sociais municipais asesorará ás betanceiras para sobrelevar situacións derivadas da crise sanitaria, como a desmotivación polo desemprego, a sensación de soidade ou illamento, a falta de concentración, a sobrecarga polos coidados, etc. Os contidos diríxense a rapazas e mulleres maiores de 16 anos, pero todas as persoas interesadas poderán visualizar os materiais a través do Facebook Betanzos Igualdade, con vídeos inéditos cada martes e cada venres.

Tamén o Concello colabora na campaña da Deputación da Coruña oitoM: Moito por cambiar, na que especialmente traballarase co alumnado de secundaria para reforzar o seu papel como ciberactivistas feministas e pola igualdade, e na que se ofrecerá formación ao persoal técnico dos concellos da provincia.

Por último, e sempre que as restriccións sanitarias o permitan, ao longo do mes de marzo outorgaranse os Distintivos Mulleres Emprendedoras 2020, ao que optan 12 mulleres nesta anualidade, e o Premio Úrsula Meléndez de Texeda.