O Concello e a empresa concesionaria de auga acordan a execución da reforma integral da avenida do Carregal

185

Betanzos e a empresa concesionaria do servizo de auga, Viaqua, acordaron afrontar a reforma integral da avenida do Carregal, unha actuación incluída nos investimentos que a empresa deberá afrontar segundo  o acordo para a continuidade do servizo aprobada en Pleno en 2021.

 

O proxecto prevé a reforma da avenida do Carregal na que se lle dará protagonismo aos peóns, con zonas anchas, dotadas con mobiliario urbano, nunha “das principais vías da cidade que experimentará ademais unha importante transformación con novos equipamentos deportivos e sociais”, segundo explicou a alcaldesa, María Barral.

De aí, indicou, a importancia que ten este proxecto que se incluirá nas obras que a empresa concesionaria debe “realizar con cargo ao convenio de continuidade do servizo de abastecemento de auga e saneamento”.

Os traballos realizaranse este mesmo ano e teñen como obxectivo facer un paseo “saudable e accesible que, como xa dixemos no seu momento, sirva de unión desta zona co  centro histórico”, tendo en conta que “queremos darlle unha continuidade con outro futuro proxecto que inclúe a reordenación de Alfonso IX”.

María Barral indicou que o proxecto recolle a creación dun itinerario seguro, saudable e accesible, “tanto para escolares como para as nosas persoas maiores, aumentando un espazo público dedicado á mobilidade a pé ou en bicicleta”.

Entre as actuacións que inclúe o proxecto recóllese a creación dun carril bici e o aumento de espazos para peóns, deixando unha plataforma única na que se distinguirá a zona peonil en ambas as marxes da avenida. O proxecto recolle a substitución das redes antigas de abastecemento e saneamento da zona, que sofren, especialmente a primeira, roturas polo paso do tempo.

Ademais desta actuación, o Concello e Viaqua analizaron, entre outras actuacións,  proxectos que tamén son necesarios abordar a curto, medio prazo, como o reforzo do abastecemento rural de Xanrozo ou a renovación dos case 12 quilómetros de rede de auga de fibrocemento que é necesaria afrontar  para reducir as perdas.

Outros proxectos

A reforma do Carregal unirase a outros proxectos que o Concello ten previsto na mesma zona como a pista de skate nas inmediacións da piscina descuberta, o parque de calistenia, o de petanca, o pump truck ou, nivel social, o proxecto de centro de día incluído nun dos programas europeos.