O Concello executa un plan de recuperación e limpeza de espazos públicos que inclúe lavadoiros, fontes e mobiliario urbano

510

O Concello está a levar a cabo un plan de limpeza de mobiliario urbano, fontes e lavadoiros, así como diversas actuacións en equipamentos públicos. Os traballos levanse a cabo por parte da Concellaría de Obras e Servizos que nos últimos días executou obras nas fontes e lavadoiros de Xan Rozo, Os Anxos, Guiliade, e a do Camiño Real de Infesta ao que nos próximos días sumarase a de San Xiao.

Trátase de traballos de limpeza e rozas que non se puideron facer hai unhas semanas como consecuencia da Covid-19 e ter que destinar os equipos a outras actuacións. Ademais, pintouse o mobiliario púbico, recuperándoo de pintadas en moitos casos como o paseo da Tolerancia e bancos situados en distintos puntos da cidade.

Desde o Concello  lamentan “a falta de civismo” dalgunhas persoas que depositan restos orgánicos nestas fontes ou lavadoiros e non nos colectores de residuos urbanos. Algúns destes lavadoiros como o de Os Anxos tivo que ser limpado varias veces durante as últimas semanas. “Queremos porlle fin a este tipo de condutas ou que o responsable ou responsables das mesmas sexa sancionado”. Por iso a Policía Local está a facer un seguimento de varias zonas para evitar este tipo de verteduras. “Non podemos destinar os recursos de todos a limpar o que uns poucos, con total falta de civismo, arroxan  onde non poden facelo”, sinalou o concelleiro de Infraestruturas, Diego Fernández. O mesmo, apuntou, para os que “deixan pintadas en edificios municipais, en mobiliario urbano, en aseos públicos”…. “cada pouco o Concello ten que pintar o mobiliario ou limpar grafitis en xanelas, paredes, etc….”

Recuperouse o mobiliario púbico, situado en distintos puntos da cidade.

Tamén desde a Concellaría de Obras continúan os traballos de desinfección de zonas públicas, actuacións que se están levando a cabo de madrugada en rúas e prazas da cidade a través do servizo de Protección Civil.