O Concello fai oficial á Deputación a súa renuncia ao proxecto de mellora da pasarela peonil do Pasatempo

621
Pasarela peonil que dá acceso ao parque enciclopédico do Pasatempo

O  Concello trasladou á Deputación Provincial a súa decisión de non acometer as obras de reforma integral da pasarela peonil que dá acceso ao parque enciclopédico do Pasatempo e por tanto non executar o proxecto que estaba previsto dentro do Plan de Obras e Servizos 2018 cunha asignación de máis de 200.000 euros. A intención do  Concello é abordar, cando se abra o parque, un mantemento da mesma, como viña facendo cada ano, pero “non un investimento de reforma integral”.

Tal e como explicou a alcaldesa, María Barral, os recursos económicos que poida obter o  Concello para obras no parque do Pasatempo serán “para a recuperación integral do parque, por fases, como estamos a facer, e iso debe de ser o prioritario. A pasarela peonil nestes momentos non é unha cuestión prioritaria. Unha vez iniciada a recuperación co proxecto que imos licitar do estanque do Retiro tras o convenio coa Deputación, no que investiremos 525.000 euros, os recursos económicos que se poidan destinar ao Pasatempo teñen que ir nesa mesma liña de actuación antes de destinalos a aspectos como a pasarela”.

A primeira edil indicou que a decisión a renuncia a este proxecto “en base á decisión tomada polo goberno local non afectará á asignación, que se manterá en forma de cantidade adicional nos plans sucesivos da Deputación e, en todo caso, será para afrontar actuacións no parque”.

Precisamente, o Pleno da Deputación aprobou por unanimidade o convenio entre as dúas administracións (Concello e Deputación) que permitirá executar os traballos de recuperación do estanque do Retiro para o que o  Concello conta, ademais, coa autorización por parte de Patrimonio ao proxecto.

Tendo en conta que dentro do acordo coa Deputación, a administración provincial ía achegar 600.000 euros e o  Concello 150.000 euros “aínda hai unha marxe para acometer a seguinte fase dos traballos que será o estanque da Gruta, á beira do estanque do Retiro. En todo caso, se non chegase esa reserva de diñeiro, o  Concello achegaría o resto, xa que “con esta obra recuperaríase a maior parte deste primeiro nivel de entrada ao parque”.

A maiores, o  Concello xa encargou a redacción do proxecto de recuperación da fonte das Catro Estaciones, para, unha vez finalizado, remitir a Patrimonio para a súa autorización.

A alcaldesa manifestou o seu desexo de que estas actuacións “non queden só aquí, porque aínda que o Concello vai facer esforzos importantes, existen outras necesidades en canto a equipamentos e infraestruturas municipais que tamén teñen que ser atendidos. Por iso, apelo de novo á Xunta para que teña en conta o parque e que se molle á hora de colaborar como fixo a Deputación. Aquí non nos podemos quedar en boas palabras senón que é necesario a implicación da administración galega nun proxecto que traspasa o ámbito local polo que representa o Pasatempo para Galicia”.