O Concello inicia o luns os traballos para incrementar a seguridade con varios pasos de peóns elevados e bandas redutoras entre a avenida do Carregal e o parque Alfonso IX

839

O Concello comezará o luns os traballos de mellora da seguridade viaria entre o parque Alfonso IX e o polideportivo municipal. Así o anunciou hoxe a alcaldesa, María Barral, quen explicou que as obras obrigarán a realizar cortes de tráfico intermitentes. Trátase de tres pasos de peóns elevados, que ademais de obrigar unha redución dela velocidade, suporán tamén a eliminación de barreiras arquitectónicas posto que o paso estará á altura da beirarrúa.

Ademais, substituiranse dúas bandas redutoras de velocidade por outros dous “lombos de asno” para ese mesmo fin, reducir a velocidade, pero dun menor impacto para os vehículos.

Estes traballos enmárcanse nas primeiras actuacións que o Concello pretende executar para mellorar a seguridade nunha zona moi transitada e pór en marcha o “Camiño seguro” para os escolares do Vales Villamarín. Con ese obxectivo, estas obras completaranse nos próximos meses para contar co primeiro “camiño seguro” .

Nesta primeira fase elevaranse os pasos de peóns situados nas inmediacións do cuartel da Garda Civil, a ponte do Carregal e a piscina municipal.

Posteriormente, como outras zonas do municipio, tamén se manterá unha zona 30, é dicir, con límite a 30 quilómetros por hora, ao longo deste traxecto, entre o parque Alfonso IX e a avenida Fraga Iribarne.

Dúas fases do Camiño Seguro

O primeiro tramo de Camiño Seguro unirá o colexio Vales Villamarín co parque Alfonso IX para logo, noutro proxecto unir esta zona coa praza dos Irmáns García Naveira. O tramo en cuestión parte do colexio Vales Villamarín para prolongarse pola avenida Fraga Iribarne e logo continuar polas beirarrúas da marxe dereita da avenida do Carregal. O camiño estará sinalizado, con distintivos no chan. Neste caso será a imaxe dun “parrulo” a que axude aos/ás nenos/as a seguir o camiño.