O Concello mostra o seu malestar polas retencións de tráfico que causaron as obras, sen previo aviso, de mellora da estrada a Abegondo.

205
Estrada que une Betanzos con Abegondo

O Concello amosou a súa “satisfacción contida” porque a Xunta atendese “iniciando os traballos de arranxo da estrada que une Betanzos con Abegondo que, en teoría,  lle afecta á zona das Cascas, Infesta, Guiliade e Piadela”, indicou a alcaldesa, María Barral, quen aclarou “que é unha satisfacción contida á espera de que poidamos confirmar que se atenden todas as peticións municipais, xa que a día de hoxe non sabemos con exactitude o que se vai a executar”.

De feito, a primeira edil lamentou que os traballos “comezasen sen aviso previo e sen que puidésemos alertar ou avisar ás persoas usuarias desta vía dos máis que posibles problemas de tráfico que se podían ocasionar, con retencións importantes e o malestar, lóxico, dos condutores e das condutoras”.

Neste sentido, lembrou que se trata dunha vía “que ten unha alta densidade de tráfico co que calquera actuación que se faga sobre ela ten un impacto sobre o tráfico, se por encima non se avisa con antelación, son lóxicos os enfados das persoas usuarias, enfado que compartimos desde o Concello e que tamén lle trasladamos á Xunta como administración responsable da vía”.

A alcaldesa espera que, tal e como lle trasladou en varias ocasións á Xunta, “a última á propia delegada territorial hai unhas semanas” se executen as actuacións de mellora do pavimento e de seguridade viaria, incluídas as de Infesta, na rotonda do Norte, Guiliade e Piadela. “Estaremos vixiantes para que se executen esas actuacións e en contacto coa delegación territorial” indicou.

Colexio

A primeira edil amosou tamén o seu “malestar” pola “falta de información en relación a distintas obras nos colexios, especialmente no Vales Villamarín. Había un compromiso para mellorar a cuberta do pavillón “que a día de hoxe non se materializou”. Na última reunión con Belén do Campo falamos desta actuación e acordouse en que a xefatura de Educación daría os pasos co Concello e que asumía parte da obra aínda que non é da súa competencia, para executar o arranxo do pavillón. A falta duns días para comezar o novo curso e a pesar dos intentos de comunicación con Educación, non temos noticias ao respecto polo que insistiremos para tentar desbloquear a situación e que se executen as obras canto antes”.