O Concello pide a Fomento a sinalización e pintado urxente da antiga N-VI ante a inseguridade que provoca a actual situación da vía

124

O Concello solicitará a Estradas a mellora urxente da sinalización da antiga N-VI, especialmente en canto ao pintado de pasos de peóns e liñas de carrís. O goberno local considera que é necesario que o pintado realice canto antes tendo en conta o risco e as situacións de perigo que se producen nunha vía moi transitada e na que, á noitiña antes, hai tramos “escuros” nos que se fai máis necesario que nunca que estean ben sinalizados.

O goberno local explicou que unha vez que Fomento realizou a mellora do pavimento en varios tramos da antiga N-VI é necesario que non se atrase no tempo o pintado en zonas como a do colexio de Atocha, A Magdalena, Ponte Nova, ou o propio centro da cidade, lugares nos que é necesario acometer a sinalización horizontal, pintando de novo ou mellorando o que xa hai pintado.

Estas obras completaranse coa construción dunha nova rotonda, anunciada polo  Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana (Mitma) por 220.822,92 euros (IVE incluído), na intersección da antiga N-VI coa avenida Fraga Iribarne na zona da Magdalena.

O anuncio, xunto ao resto de actuacións, responde á petición realizada pola alcaldesa, María Barral, en reunións, primeiro, coa Delegación do Goberno en Galicia, coa Demarcación de Estradas do Estado e coa dirección xeral de Estradas, con cuxo máximo responsable, Javier Ferreiro Lizano, mantivo o pasado mes de xullo un último encontro en Madrid para fixar os termos da actuación.

Trátase dun proxecto que o Concello demandou desde hai anos para mellorar a seguridade nun punto cunha importante densidade de tráfico e que “ata o de agora non foi atendida polos distintos gobernos”, sinalou a primeira edil, quen agradeceu “tanto a disposición da Delegación do Goberno para atender a nosa proposta como o compromiso adquirido desde o primeiro momento por parte de Estradas do Estado para abordar o proxecto de forma inmediata”.

Con esta licitación o Goberno, que ten a competencia nesta vía, abordará unha reforma dun dos puntos negros do Concello en canto a sinistralidade que permitirá aumentar a seguridade nun cruzamento no que, en determinadas horas do día, coincidindo coa saída ou entrada dos colexios,  prodúcense tamén retencións.

Esta obra forma parte dos acordos  alcanzados pola alcaldesa co Ministerio para a cesión da antiga N-VI entre Queirís e a Ponte Nova que inclúe actuacións de mellora no pavimento e sinalización da vía previas ao acordo entre o Ministerio e o Concello.