O Concello ponse en contacto con persoas propietarias de vivendas do centro histórico para informalas sobre melloras que deben adoptar nas súas vivendas e os programas de axudas ou venda  

1389
ImaeRúa da Cerca

Betanzos, 21 de febreiro de 2018. O Concello púxose en contacto con persoas propietarias de vivendas do centro histórico para informalos sobre diversas medidas correctoras que deben acometer nos seus inmobles para mellorar as súas condicións. O Concello pon a disposición destes propietarios os servizos técnicos da Oficina de Rehabilitación do Centro histórico para informalos sobre as actuacións que deben acometer en cada caso.

Neste sentido, tamén se lle indica as axudas ás que poden acollerse dentro dos programas de vivenda previstos para a área de Rexeneración e Renovación Urbana Conxunto Histórico de Betanzos e da súa zona de protección, que se acaba de ampliar ata mediados de marzo, ademais do novo plan de adquisición de vivendas nesta zona da cidade impulsado pola Xunta no que se investirán 500 000 euros.

Calquera persoa que estea interesada nalgún destes programas poderá recibir información nas oficinas municipais. Así o explicou o alcalde, Ramón García Vázquez, quen valorou esta iniciativa autonómica na que se atenden as peticións efectuadas polo goberno local no referente á compra de novos inmobles.

García Vázquez explicou que se trata de actuacións que poden incentivar que particulares que ata agora “non se decidiron a executar obras de rehabilitación de inmobles nesta zona do centro histórico o fagan agora”.

A Resolución publicada o pasado día 12 no Diario Oficial de Galicia establece unha área prioritaria para a compra destes inmobles, próxima á mesma zona na que a Xunta xa adquiriu o resto de vivendas que agora están en fase de recuperación. A oferta vai dirixida exclusivamente á adquisición, en pleno dominio e libre de cargas e gravames, de inmobles de titularidade privada.

O inmoble deberá permitir, polo menos, a construción dunha vivenda por andar de polo menos dúas estadías que cumpran as condicións dimensionais establecidas nas Normas de habitabilidade de vivendas de Galicia; a configuración da planta deberá permitir unha idónea distribución interior, podendo descartarse as ofertas que obriguen a distribucións nas que sexa preciso dispor dunha superficie desproporcionada para elementos de distribución e comunicación ou na que abonden espazos mortos ou de difícil utilización; e a altura libre mínima das estadías deberá poder conseguir os 2,35 metros de alto no 80% da súa superficie.

O inmoble deberá ser, como mínimo, de 4 metros de longo. As condicións do inmoble deberán permitir unha iluminación idónea das estadías das vivendas que resulten da actuación. Agás que se poida xustificar doutro xeito, entenderase que as condicións de iluminación son acomodadas cando a superficie iluminable do inmoble sexa, como mínimo, do 80% do resultado de descontar á superficie da planta a correspondente ao espazo previsto para elementos comúns, que se estimará en 13,20 metros cadrados construídos.

As persoas interesadas na oferta, deberán presentar un escrito así como unha proposta do prezo esixido para a súa adquisición. Poderán presentarse tantos escritos como inmobles se pretendan vender.