O Concello presenta ante Patrimonio un proxecto técnico para limpar os grafitis aparecidos no León do Pasatempo

911
Vandalismo no Pasatempo

O Concello solicitoulle a Patrimonio a autorización para limpar as pintadas realizadas no León do Pasatempo. O goberno local encargou un proxecto que foi elaborado por un técnico superior de artes aplicadas á escultura. A proposta, segundo se deu a coñecer hoxe, pasa pola limpeza química das pintadas, con técnicas nas que se utilizan axentes químicos, xeralmente aplicados en disolucións que atacan a mancha e a disgregan.

Os técnicos propoñen realizar probas para coñecer ao 100% o efecto da limpeza e que estas se realicen noutra zona afectada polas pintadas como un dos pináculos recuberto por morteiro de cemento que se atopa preto do León, nunha varanda do parque que tamén se viu afectado polo mesmo acto vandálico. Nesta zona iranse probando unha serie de disolventes de menor a maior polaridade e de menor a maior toxicidade. En función dos resultados, aplicarase na escultura do León.

O proxecto explica que en previsión de que a superficie rugosa do León impida a eliminación total das pintadas, proponse tamén unha reintegración cromática para así devolver unha uniformidade de cor e evitar que se distinga a zona que se limpe polas pintadas do resto da escultura, é dicir, que todo queda uniforme.

Ademais do técnico especialista en escultura, os traballos desenvolveranse coa supervisión dun/a restaurador/a de a escola superior de conservación e de bens culturais.

Estímase que os traballos se desenvolverán durante uns 10 días, unha duración que podería ser menor ou mesmo superior en función da resistencia que ofrezan os materiais á hora de eliminar as pintadas.

A limpeza das pintadas realizadas a principios do pasado mes de outubro na parte superior do Pasatempo suporán un custo de máis de 4000 euros. Desde o goberno local volveuse a condenar este acto vandálico “de xeito evidente fóra de lugar, incívico, e que causa un dano importante ao patrimonio de todos os betanceiros”. Lembrou que non é a primeira vez que se produce este tipo de accións e que nos últimos anos o Concello tivo que presentar denuncias por pintadas en edificios históricos como a fachada do Liceo, ademais do palco da música. Tamén apareceron pintadas, nos últimos días, sobre diverso mobiliario urbano e algún vehículo, cuxo autor foi “identificado e denunciado”.

As pintadas do León non gardan relación con outras identificacións mais séguense a cotexar con outras pintadas, mesmo fóra de Betanzos, por se fose posible localizar aos autores.