O Concello programa un obradoiro de apoderamento lingüístico no IES As Mariñas para potenciar o uso do galego entre a mocidade

433

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos organiza o “Obradoiro de apoderamento lingüístico. Ferramentas para a activación de falantes” en colaboración co Equipo de Dinamización Lingüística do IES As Mariñas logo de que o centro lle trasladase o seu interese en potenciar as actividades de dinamización lingüística no IES, e nomeadamente a necesidade de traballar o discurso oral como ferramenta de activación de falantes dentro do contexto sociolingüístico do centro.

Este Obradoiro de apoderamento Lingüístico que impartirá Rexenerando está dirixido a alumnado do IES As Mariñas eimpulsado polo Concello de Betanzos busca xerar un espazo de aprendizaxe e diálogo profundo arredor da cuestión lingüística e incorpora metodoloxías de innovación social onde os e as participantes reflexionen sobre a súa relación co galego, identifiquen aquelas habilidades, recursos ou ferramentas que poderían apoiar o seu uso, e se lancen a dar pasos e falalo. O obradoiro que comeza o 25 febreiro terá lugar durante catro meses ata o vindeiro mes de maio pretende incidir na importancia da comprensión do contexto lingüístico actual e na reflexión sobre a relación persoal e familiar co galego, identificar as necesidades para a activación lingüística e apoiar aos e ás participantes para adquirir habilidades comunicativas no rexistro formal e informal.

O Concello de Betanzos programa esta actividade no IES As Mariñas como unha actividade sostida no tempo que complementa a programación do Servizo de Normalización Lingüística en colaboración cos equipos de dinamización lingüística dos centros de ensino e que lle dá cumprimento aos obxectivos da Ordenanza de impulso social da lingua galega municipal.