Betanzos abona o importe das axudas a profesionais afectados pola Covid do programa municipal Reactiva Betanzos

171

O Concello publicou a listaxe definitiva das axudas do plan municipal Reactiva Betanzos.  Tras os estudos de valoración e autorización por parte de Intervención, o Concello abonou as 180 axudas concedidas a pequenas empresas e autónomos que se viron afectados na súa actividade diaria pola Covid-19. A listaxe definitiva  pode consultarse na web municipal www.betanzos.gal.

Para consultar a listaxe definitiva prema aquí

A estas axudas uniranse as do PEL-Reactiva provincial para os e as profesionais autónomas e microempresas cuxo negocio se vise tamén afectado pola Covid-19. A Deputación destinará 244 000 euros que se unen aos 150 000 euros que achegou o Concello para o programa municipal.

As persoas interesadas tamén poden consultar na web municipal www.betanzos.gal a lista, neste caso provisional, do PEL Reactiva provincial que está en período de exposición pública para a presentación de alegacións antes de publicar a listaxe definitiva de admitidos/as e o pagamento das axudas.

No Plan Reactiva Municipal presentáronse 287 peticións ¡e denegáronse 107 por non axustarse ás bases da convocatoria., 59 delas por ter domicilio fiscal fóra de Betanzos, 36 por débedas contraídas coa Seguridade Social ou Facenda; 4 por incumprir outro dos requisitos canto a que a actividade desenvolvida estivese afectada polo peche de establecementos disposto no  RD 465/2020 de 17 de marzo ou, se non fose o caso, que a actividade tivese unha redución da  súa facturación durante o mes seguinte á declaración do estado de alarma de polo menos o 50% en relación coa media efectuada no semestre natural anterior; 1 por débedas co Concello e 6 ás que se lle pediu máis documentación e non a presentaron. Nun dos casos, a petición de axudas presentouse fóra de prazo.

Reactiva Betanzos, como así se denomina o programa, encádrase na serie de accións que o goberno local está a levar a cabo en materia económica dirixida aos colectivos profesionais que se viron e ven afectados pola crise provocada pola Covid-19.

As axudas deste programa  chegan ata os 700 euros. Delas benefícianse  as persoas traballadoras por conta propia ou autónomas, así como as microempresas que reunían unha serie de requisitos. Concédese unha cantidade máxima de 500 euros para as persoas autónomas ou microempresas cando a actividade que desenvolvan estivese afectada polo peche de establecementos e unha de 300 euros a aqueles autónomos e autónomas ou microempresas que  sufriron unha redución da súa facturación. Estas cantidades, 500 euros e 300 euros, increméntanse nun máximo de 100 euros en caso de ter ata 4 traballadores ou traballadoras (inclusive, ademais da persoa solicitante) e nun máximo de 200 euros  en caso de ter ata 9 traballadores ou traballadoras (inclusive, ademais da persoa solicitante) o 1 de marzo de 2020.