“Ris Ras” de Baobab Teatro abre a programación dos Sábados Miúdos 2021

477

O programa de dinamización lingüística para público infantil Sábados Miúdos que organiza o Concello de Betanzos retoma a programación do ano 2021 co espectáculo musical e teatral “Ris Ras” de Baobab Teatro que terá lugar o vindeiro sábado 6 de marzo ás 18:00 h na Aula de Cultura Xulio Cuns. Este espectáculo forma parte do programa Lingua a escena da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

O espectáculo está destinado a nenos e nenas de ata 8 anos e as súas familias e ten unha duración aproximada de 45 minutos. A actividade ten 22 prazas, con preferencia para os nenos e as nenas empadroadas, que poderán asistir acompañadas dunha soa persoa adulta.

 

O prazo de inscrición para o espectáculo estará aberto en www.betanzos.gal (novas>sábados miúdos) entre o 1 e o 4 de marzo de 2021 e ata cubrir as prazas. A confirmación da praza realizarase antes da actividade no correo electrónico facilitado no momento da inscrición.

Os Sábados Miúdos achegarán neste ano 2021 dez espectáculos para os máis pequenos e pequenas que ateigarán os sábados de contos, cantigas, danza, xogos, música e lingua para desfrutar en familia. A programación traerá a Betanzos a Xandobela e “O chineiro da tía María”, “Rilla rilla na lingua” de Xarope Tulú, “Nano canta croac” de Raquel Queizás, a sesión musical de Picadiscos Marifaltri, “Danzacontos” de Laura Rey, o obradoiro “Prende no colo” de Luís Prego, “Contos de medo que deixan durmir” de Caxoto Contacontos, “Contos do chupete” de Migallas Teatro e o concerto de Pablo Díaz “Contando números, cantando cores”.

Máis información no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos, situado no segundo andar da Casa do Concello, no teléfono 981 770 100 ou no enderezo electrónico [email protected].

“Ris Ras”
Ris Ras é un espectáculo para enredar, rir e bailar; un espectáculo musical e teatral para os pequenos e pequenas da casa, onde a palabra e as brincadeiras están presentes para levarnos á tradición oral galega. Todo comeza con: “Ris, ras / aparta ‘pa’ alá / que perdo o compás”. Partindo de aí o público viaxará a través da música, xogos, enredos e historias tradicionais da man dun trasno que nace do amor entre Catarina (a Lúa) e Lourenzo (o Sol). O espectáculo de Baobab Teatro está pensado para público de 1 a 8 anos e apoiado cun CD, respectando un dos principios desta compañía: a súa crenza na palabra, na música e as cantigas como medio de comunicación dende que nacemos.