O Concello reforza a partida de gasto social para atender programas de axuda pola Covid con 151.000 euros

326

O goberno local potenciará as partidas de ámbito social vinculadas á Covid a través do POS adicional da Deputación que se completará tamén con máis achega municipal co fin de cubrir posibles necesidades que xurdir ao longo dos próximos meses xerados pola pandemia. En total, o  Concello dispoñerá dunha partida de case 151.000 euros, dos que 136.000 serán achegados pola Deputación.

A proposta será presentada o próximo día 4 en Pleno polo goberno local e ten como obxectivo financiar gastos sociais extraordinarios xerados como consecuencia da  Covid.  Deles, a partida máis elevada irá para cubrir axudas económicas que aseguren a cobertura de necesidades básicas como vivenda, alimentación, electricidade, gastos médicos ou farmacéuticos de persoas  que residan soas,  familias, maiores, persoas con diversidade funcional, mulleres en risco de exclusión social, con baixos ou nulos ingresos económicos que viron a súa situación agravada pola  Covid. Para estas axudas destinaranse máis de 82.000 euros.

Outro dos aspectos que reforzará a dotación económica o  Concello, segundo explicou a alcaldesa, María Barral, é para gastos que faciliten a escolarización, material informático ou acceso a medios dixitais, seguindo a liña iniciada o pasado ano na que o Concello adquiriu equipos e  router para que os alumnos que carecían de medios técnicos puidesen seguir as clases  nos seus domicilios.  Para este ano a previsión económica é de case 50.000 euros.

Tamén se reforzará o servizo básico de axuda a domicilio, é dicir, o que leva a cabo directamente o  Concello a través dos Servizos Sociais e que non inclúe a persoas dependentes. A idea é reforzar o servizo con máis persoal para o que se destinan case 15.000 euros

Por último, reservarase unha partida para a adquisición de material de prevención destinada a profesionais de Servizos Sociais e persoas usuarias dos distintos programas. O  Concello reserva para a compra de material uns 5.000 euros.

Este plan adicional e a achega municipal para reforzalo complétase con outra serie de actuacións que o Concello está a levar a cabo relacionadas coa pandemia como as desinfeccións de zonas públicas ou os servizos de atención a persoas que nalgún momento pola  Covid poidan precisar axuda, especialmente, maiores que viven sós. Habilitouse o teléfono 981774742.