Preto de 450 mulleres participaron o sábado na Copa de España Féminas de ciclismo

445
Na saída estiveron presentes a alcaldesa, María Barral; o concelleiro de Deportes, Ricardo Cheda; a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo; o alcalde de Paderne, Sergio Platas; e a representante de ACEBE, Susana Mourón.

Betanzos acolleou o pasado sábado 13 de abril, a Copa de España Féminas de ciclismo en estrada, que contou coa presenza na cidade de preto de 450 mulleres, de 27 nacionalidades distintas, pertencentes a máis de 45 equipos de todas as categorías.

Betanzos, en palabras da alcaldesa, María Barral, convertiuse así, unha vez máis, nun referente deste deporte en Galicia, unha cidade cunha longa tradición ciclista, que vai seguir “apoiando este deporte e fomentando os valores do esforzo, a superación e o compañeirismo que o definen”.

Con participación activa en probas ciclistas galegas, nacionais e mesmo internacionais, o Concello apostou de novo por ser sede da Copa de España, que chega por segunda vez consecutiva á cidade e que vén consolidar Betanzos no mundo da competición grazas, especialmente, “a clubs con tanta historia e tanta tradición como o Club Ciclista de Betanzos”, que organiza xunto ao Concello a proba.

O concelleiro de Deportes, Ricardo Cheda, destacou a importancia que teñen eventos deportivos coma este “na economía local”, pola cantidade de persoas que xa o venres estarán en Betanzos “gozando da nosa gastronomía, comercio, casco histórico…”.

Explicou que con esta competición o Concello demostra “o seu apoio incondicional a probas deportivas de nivel nacional polo que supoñen para Betanzos e a súa promoción”. Agradeceu tamén os dispositivos de seguridade a través da Policía Local e Protección Civil que se desenvolveron durante o sábado para que “todo transcorra con normalidade”.