O Concello requiriulle a preto de 200 persoas propietarias de parcelas para que limpen as malezas

107

O goberno local requiriulle nos últimos meses a preto de 200 persoas propietarias de terreos a limpeza destes con base á Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, da Xunta.

Trátase de terreos situados tanto no rural como na zona urbana, cuxo estado de abandono foi detectado polos servizos municipais ben tras unha denuncia veciñal ou ben de forma directa.

A través de 184 requirimentos, o Concello lémbralle o deber das persoas propietarias dos terreos de corrixir o estado de abandono no que se atopan as parcelas e facerse cargo dos prexuízos, no caso de que os houbese, que se causen ás parcelas lindeiras. Lembra o interese xeral de que “todas as parcelas e solares do Concello se atopen nun adecuado estado de limpeza e cortada a masa vexetal como establece a lexislación vixente”.

Neste sentido, o Concello comunícalles a obriga que teñen as persoas propietarias de manter en boas condicións estes terreos segundo a Lei de prevención e defensa contra incendios da Xunta de Galicia nos prazos establecidos para iso (actualmente do 31 de maio), de acordo cos criterios establecidos pola Orde da Xunta en materia forestal. No caso de que non se realicen os traballos, o Concello incoaría un expediente sancionador.

Dos 184 expedientes iniciados nestas últimas semanas, 53 xa foron limpadas polas persoas propietarias despois de recibir o requirimento do Concello.

O Concello lémbralles ás persoas propietarias de inmobles o seu deber de evitar o crecemento de maleza e outros vexetais que lle afecten ás parcelas lindeiras, así como controlar as plantacións, aínda que fosen de crecemento accidental, de árbores que poidan invadir parcelas lindeiras ou causarlles calquera clase de perturbación.

O Concello  insiste na  obriga que teñen as persoas propietarias de evitar o crecemento de especies que dificulten a visibilidade das vías públicas, especialmente, en cruzamentos ou lugares de paso para vehículos. A maleza ou o resto de elementos non poderán, en ningún caso, invadir as vías públicas, tanto en superficie como en voo.

Advertíuselle de que se non se acomete a xestión da biomasa das parcelas nun prazo de 15 días naturais, desde a recepción das comunicacións, abrirase  expediente   que podería levar a execución subsidiaria dos traballos, e repercutir os gastos correspondentes á conta da persoa propietaria ou a imposición de multas coercitivas de 1000 a 10 000 euros.