O Concello traballa no deseño dunha ruta de BTT na que pretende involucrar a outros concellos próximos

987

O Concello traballa no deseño dunha ruta BTT coa idea de recuperar a denominada Ruta da auga. Trátase dun proxecto que o goberno local pretende completar con rutas de sendeirismo dentro dun programa que denominará Betanzos Activo. O concelleiro de Deportes, Andrés Hermida, explicou que o obxectivo desta primeira ruta BTT é recuperar trazado da antiga “ruta da auga” e que, aínda que se proxecta no municipio de Betanzos, a idea é que o “proxecto poida abrirse a outros concellos próximos como Paderne, Coirós e Oza dos Ríos”.

A creación desta ruta non só é “atractiva para os numerosos afeccionados á BTT que hai en Betanzos senón tamén como polo de atracción turística. Non en balde, Betanzos conta cunha área de autocaravanas que é referencia en Galicia e que unha ruta de BTT como esta sería un complemento perfecto para ese tipo de turismo”, indica o edil.

Andrés Hermida indicou que se trata, ademais, dun proxecto adecuado para aproveitar a riqueza dunha paisaxe única como é a Reserva da Biosfera, un lugar adecuado para a práctica de deporte no medio rural cunha extensa rede de sendas, camiños e pistas forestais nas que se pode practicar un deporte respectuoso co medio ambiente como o sendeirismo ou o ciclismo de montaña.

O obxectivo é que o proxecto se inicie en Betanzos mais que neste se involucren outros concellos e así crear unha armazón de vías rurais que conten con sinalización, información de servizos e turística.

As rutas que se creen poderán ser utilizadas tanto por BTT como a nivel sendeirismo. Antes da creación, encargarase un proxecto no que se definirá o percorrido, os puntos de interese patrimoniais ou naturais máis importantes desta, un estudo de patrimonio, planos, posta en marcha de programas de soporte dixital, e un estudo de custos de mantemento.

O edil explicou que se trata dun proxecto ambicioso neste ámbito no que se van a dar pasos para polo en marcha de forma progresiva. “É un proxecto que aínda que nacerá en Betanzos téñense que involucrar distintas administracións. No entanto, entendemos, polo que pulsamos, que todas as administracións somos conscientes do atractivo que é esta iniciativa en moitos aspectos e, por tanto, entendemos que hai unha boa sintonía para poder desenvolvelo”.