Cruce da avenida Fraga Iribarne coa avenida Juan García Naveira

O goberno local aprobou na súa última xunta a adxudicación das obras de mellora da avenida Fraga Iribarne e a construción dunha nova rotonda. Trátase do tramo comprendido entre a glorieta de entroncamento coa avenida do Carregal e a glorieta de entroncamento coa avenida de Jesús García Naveira, un tramo que presenta un deficiente estado de conservación ademais de problemas de mobilidade. A actuación está incluída no Plan Único de Concellos (POS+2020) cun custo que superará os 210 000 euros.

Despois de realizar un estudo técnico, viuse a necesidade de revisar as cruces coa avenida Juan García Naveira, onde se propón a introdución dunha rotonda dun carril, así como no encontro coa rúa Irmáns Martínez Santiso. A construción dunha rotonda e  pequenos illotes servirá para canalizar o tránsito e transformarán a intersección en incorporacións, polo que a accidentalidade potencial do cruzamento diminúe considerablemente.

Exponse ademais o reforzo da sinalización, tanto vertical como horizontal da zona de actuación. Desde o punto de vista da accesibilidade peonil, transfórmase a contorna en itinerario accesible.

Os pavimentos do firme actual da Avenida Fraga Iribarne presentan numerosos tramos gretados así como problemas nos trazados de pendentes que xeran dificultades para a correcta xestión das augas de pluviais. Comprobouse que o pintado da avenida está en moi mal estado de conservación.

A actuación pretendida inclúe o fresado e reposición do firme actual corrixindo as pendentes e sen afectar os trazados de instalacións urbanas. A cota da sección transversal da vía pública non se verá afectada os seus extremos agás na zona da nova rotonda onde se amplían e modifican os trazados incluíndo anchura de calzadas, beiravías, separadores e prazas de aparcadoiro.

O modelo proposto responde á tipoloxía de miniglorieta, entendida como glorieta de pequenas dimensións cuxa illote central é totalmente franqueable para que poidan virar os vehículos de grandes dimensións. O seu emprego é idóneo en contornas urbanas onde se circula a unha velocidade moi baixa. A miniglorieta proxectada ten un illote central de menos de 4m de diámetro exterior e adaptarase á realidade física do emprazamento.

Dada a proximidade da rotonda inmediatamente posterior, de ligazón coa avenida Jesús García Naveira, onde se é posible o cambio de sentido de vehículos pesados, o deseño da presente responde á resolución de problemas de incorporación e viraxe mais non se pensou para o cambio de sentido total dese tipo de vehículos. Toda a área peonil estará flanqueada por bordos rectos de formigón gris. 

Aproveitando a execución das novas beirarrúas, optimízanse as anchuras, sitúan corgos para árbores de modo análogo ao executado na beirarrúa da gasolineira inmediatamente enfrontada e sinaliza correctamente a totalidade do ámbito.