O goberno local reclama a Augas de Galicia a limpeza do río Mendo para evitar que se produzan inundacións durante o inverno

150
Equipos de Protección Civil de Betanzos realizaron labores de limpeza nas zonas afectadas

O Concello mostrou a súa preocupación pola situación na que se atopa o cauce do río Mendo ao seu paso por núcleos urbanos como Roibeira, Piñeiro, A Acea e As Cascas.

O goberno local esixe a Augas de Galicia que atenda as demandas dos veciños e do propio Concello e “programe os traballos de limpeza na zona que, por outra banda, terían que ser executados xa hai tempo”.

A alcaldesa, María Barral, que estivo nas zonas afectadas pola crecida do río Mendo nestes últimos días, explicou que “aínda que os niveis do caudal do río aumentaron de forma considerable durante estes últimos días, o certo é que unha vez máis se pon de manifesto que as condicións do río non eran as mellores e que había acumulada unha importante cantidade de masa arbórea que tería que ser retirada e limpada fai moito por parte de Augas de Galicia. Esa situación e o aumento do nivel da auga provocou que algunhas zonas de O Piñeiro e A Acea víranse afectadas con desbordamentos.

Equipos de Protección Civil de Betanzos realizaron labores de limpeza nas zonas afectadas, ademais de seguir vixiando a zona ante outro posible aumento do caudal.

O obxectivo do Concello é que “Augas de Galicia realice agora os traballos que tería que facer hai tempo para evitar máis problemas nas próximas semanas ante novas crecidas do río, ou polo menos, minimizalos”.