Obradoiro de Emprego “Formación para a Empregabilidade”

544

O Concello de Betanzos xunto co de Abegondo, Carral, Coiros e Paderne está a desenvolver o Obradoiro de Emprego “Formación para a Empregabilidade”, subvencionado pola Consellería de Emprego e Igualdade e cofinanciado polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social. A duración do obradoiro é de nove meses.

Segundo a concelleira de emprego e formación María Jesús Regueiro, o Obradoiro de Emprego, que é un programa mixto de emprego e formación, está dirixido a persoas desempregadas, participando un total de vinte persoas que durante nove meses realizarán unha formación específica nos certificados de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas no domicilio e en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. Ademais realizarán módulos transversais en prevención de riscos laborais, alfabetización informática, sensibilización ambiental, sensibilización en igualdade de xénero, orientación laboral e formación empresarial.

O equipo directivo e docente está formado por un director, unha auxiliar administrativa e tres docentes.

Segundo explicou María Jesús Regueiro na actualidade estase a rematar a impartición dos módulos formativos teóricos que forman parte dos certificados profesionais e no próximo mes de maio iniciaranse as prácticas laborais na Residencia García Irmáns, no Centro Pai Menni e no Servizo de Axuda no Fogar de Betanzos (SAF Betanzos).

O obxectivo dos obradoiros de emprego e que o alumnado participante obteña o certificado de profesionalidade que o habilite para traballar en calquera dos centros de atención sociosanitaria para persoas dependentes ou en calquera servizo de axuda no fogar. Esta habilitación é válida para traballar en calquera Comunidade Autónoma. Ademais adquirirán as competencias e ferramentas necesarias para realizar unha buscade emprego que lles facilite a inserción laboral. En definitiva, mellorarán a súa empregabilidade.