Obras de instalación da varanda no paseo da Galera.

498

A alcaldesa, María Barral, supervisou as obras de instalación da varanda que se está instalando no paseo da Galera. A edil, xunto ao concelleiro de Infraestruturas, Diego Fernández, explicou que despois de valorar diferentes alternativas por parte do Concello “determinouse que a mellor opción pasaba por unha varanda de granito, integrada co paseo”.

Os traballos continuarán nos próximos días e con eles substituirase a varanda de madeira que quedou danada por unha embarcación o pasado verán por un sólida, acorde coa contorna. En función do resultado, o Concello pretende instalar este tipo de varanda de granito noutras zonas da cidade.

Xunto a estas, o Concello tamén efectuará diversas melloras de mantemento na zona dentro dun programa de traballo que se está realizando noutros puntos da cidade.

A primeira edil tamén anunciou a intención do Concello de programar diferentes proxectos de mellora de equipamentos dentro do Plan Único provincial no que se incluíron a seguridade da avenida Fraga Iribarne coa renovación do pavimento entre a rotonda das Cascas e a rotonda do centro de saúde e a construción dunha nova rotonda, que sería a terceira desta avenida, no cruzamento de de a rúa Juan García Naveira coa propia avenida Fraga Iribarne, para dar unha maior fluidez de tráfico aos vehículos que circulan cara ao Pasatempo. Neste caso, suprimiranse os semáforos deste cruzamento.

Outra dos proxectos é a substitución de toda a rede semafórica da cidade. Unha rede que, debido ao paso do tempo, sofre, en ocasións, problemas. “O obxectivo é renovar toda a rede para evitar eses problemas e adaptala a tecnoloxía actual”, explicou a primeira edil.

Entre as obras que se inclúen no POS atópase tamén un proxecto que incluirá unha nova pavimentación dos soportais de Fonte de Unta con granito; a eliminación dos actuais desniveis; unha nova rede de saneamento e abastecemento de auga, ademais da iluminación e a eliminación das conducións de cableado aéreo.

Ademais mellorarase a porta Medieval da rúa da Cerca, o coñecido como arco da Ponte Vella, na que tamén se eliminará o cableado e acondicionará o pavimento.

Por último, melloraranse tamén os baños públicos da rúa Sánchez Taibo, os situados á beira do edificio dos xulgados. levará acabo unha reforma integral destes, nos que se porá en marcha un sistema de aseos autolimpiables.