Policía Local e Garda Civil vixiarán os accesos a Os Caneiros por terra e polo río a pesar da non celebración e que o campo estará pechado

767

O goberno local, a Garda Civil, Policía Local e Protección Civil volveron manter unha xornada de traballo para fixar o plan de actuación os días 18 e 25 de agosto tendo en conta que o goberno local anunciou a suspensión das festas e, por extensión, do lanzamento do globo e as xiras a os Caneiros.

A suspensión das xiras por parte do Concello pola Covid-19 conlevará ao peche do campo e que tampouco se poña en marcha o dispositivo de seguridade nin no río nin en terra e, por tanto, non haxa presenza de sanitarios nin de Protección Civil nin Cruz Vermella.

Por esta razón, os corpos de seguridade velarán porque se tomen as medidas de seguridade establecidas nas normativas pola Covid 19. Así, na reunión do pasado martes 5 establecéronse dispositivos de Policía Local e da Garda Civil que estarán nos camiños de acceso ao campo de Os  Caneiros.

Os primeiros no termo municipal de Betanzos e os segundo en Coirós. Estes axentes advertirán ás persoas que, a pesar da suspensión das xiras, desprácense camiñando ata Os  Caneiros, que a parcela municipal permanecerá pechada e velarán polo cumprimento das normativas.

Polo río pasará o mesmo coa Garda Civil. Os integrantes das embarcacións tampouco poderán acceder á parcela municipal, pero si celebrar, se é o seu desexo, Os  Caneiros no barco. Nese caso, a Benemérita fará controis sobre limitación de aforo en cada embarcación e  documentación en regra.

Ademais, no propio Campo de Os Caneiros, que estará pechado en todos os seus accesos,  haberá presenza da Garda Civil.

A decisión do  Concello de non celebrar as xiras nin o lanzamento do Globo tómase por “razóns de seguridade pola Covid-19 e a imposibilidade de celebrar eventos que xeren aglomeracións ou concentracións de persoas. É unha decisión difícil, pero cremos que responsable porque a seguridade das persoas está por encima de calquera outra cuestión”.

De todos os xeitos, o  Concello confía na responsabilidade da xente “que é consciente tamén, por todo o que está a pasar, que este tipo de eventos é imposible celebralos. Por responsabilidade e porque o máis importante é a saúde”