Un verán inesquecible para o Club BTT Caimanes Betanzos.

212

Club BTT Caimanes Betanzos está a protagonizar un verán cheo de actividade e éxitos que reforzan o seu papel como un dos referentes do ciclismo base en Galicia. A entidade brigantina combinou nestes meses a organización de importantes eventos con grandes resultados deportivos a nivel autonómico e estatal.

Un dos fitos máis destacados foi a convocatoria da corredora cadete Xiana Seijo pola selección galega para participar nos Campionatos de España Escolares, celebrados na localidade albaceteña de Tarazona de la Mancha. A xove deportista betanceira brillou xunto ás súas compañeiras nunha proba de alto nivel, logrando un meritorio segundo posto por equipos. Sen dúbida, unha experiencia inesquecible e un recoñecemento ao traballo constante que se realiza desde a base do club.

Xiana Seijo logrando un meritorio segundo posto por equipos.

Outro logro importante chegou da man de Javier López López, quen completou con éxito a esixente Tirreno Apóstol, unha ultramaratón ciclista de 500 quilómetros que une o mar Tirreno con Santiago de Compostela. Esta proba de resistencia extrema require percorrer esa distancia en bicicleta no menor tempo posible, superando todo tipo de condicións físicas e mentais. Javier finalizou a proba en 26 horas e 40 minutos, o que lle permitiu subir ao podio cunha terceira posición absoluta, deixando o nome de Betanzos ben alto no panorama ciclista de longa distancia.

Javier finalizou a proba en 26 horas e 40 minutos, o que lle permitiu subir ao podio cunha terceira posición absoluta

No eido organizativo, o pasado 19 de xullo tivo lugar un dos momentos máis agardados pola afección local: o regreso da Ruta da Auga, unha marcha cicloturista que non se celebraba desde había dez anos. A cita reuniu a 232 participantes e foi cualificada como un éxito rotundo, tanto pola organización como polos propios asistentes, que destacaron a calidade do percorrido e o excelente ambiente vivido durante toda a xornada.

Ruta da Auga, unha marcha cicloturista que non se celebraba desde había dez anos.

Tan só uns días despois, o 3 de agosto, o ClubBTT volveu vestirse de gala coa celebración da décima edición da MinibTT, a tradicional festa do ciclismo infantil no Parque do Pasatempo. Aínda que a proba soe celebrarse no mes de xuño, este ano tivo que adiarse a agosto por causas alleas ao club. A pesar diso, a resposta foi excepcional, con arredor de 350 nenos e nenas participando nunha xornada deportiva, divertida e familiar que rematou cunha gran festa da escuma organizada polo Concello de Betanzos, poñendo o broche final a un día inesquecible.

O club organizou tamén con gran éxito un campamento de ciclismo infantil, no que os máis pequenos gozaron non só de saídas en bicicleta, senón tamén de actividades lúdicas, educativas e de convivencia, creando un espazo ideal para aprender, facer amizades e pasalo en grande.

Para completar este intenso verán, o ClubBTT Caimanes Betanzos celebrará, como xa é habitual nos últimos anos, o seu curso de iniciación ao BTT durante a última quincena de agosto, tamén no Parque do Pasatempo. Unha oportunidade única para que os máis novos se acheguen ao ciclismo de montaña dun xeito seguro e divertido.

Sen dúbida, un verán cheo de pedaladas, ilusión e compromiso por parte dun club que segue medrando e levando o nome de Betanzos por todo o mapa ciclista.