Unha «music truck» percorrerá durante 20 días os Camiños Francés, Inglés e Portugués, para achegar a música en galego aos peregrinos

458

O xornalista e crítico musical Carlos Crespo ofrecerá dende La Duendeneta unhas sesións nas que realizará un percorrido sonoro e comentado dende o pasado recente ata o vibrante presente da música feita en galego, dende Andrés do Barro ata Baiuca

A xira de «Os Camiños das Músicas Galegas», que se desenvolverá dende o 2 ata o  21 de xuño, enmárcase na programación do Xacobeo

 

Que os peregrinos (e por que non, tamén os veciños das vilas polas que pasan os Camiños) teñan a oportunidade de coñecer e escoitar unha mostra da grande riqueza, variedade e calidade que ofrece a música feita en Galicia e en galego é o obxectivo fundamental da xira «Os Camiños das Músicas Galegas».

O medio que se utilizará para levar as nosas músicas polas rutas xacobeas será La Duendeneta, unha orixinal e vintage «music truck», que durante 20 días percorrerá os Camiños Francés, Inglés e Portugués, deténdose cada xornada nas prazas das vilas que coinciden con habituais finais de etapa para ofrecer alí unha sesión musical comentada.

O proxecto enmárcase dentro da programación do Xacobeo a través da colaboración de la Fundación “La Caixa”

O encargado de realizar estás sesión didácticas será o xornalista e crítico musical Carlos Crespo, quen conta cunha experiencia de máis de 20 anos na difusión da cultura dende diversos medios de comunicación. A xeito case dun programa de radio, cunha duración de aproximadamente 90 minutos, realizará un percorrido sonoro e comentado pola historia da música galega, dende os pioneiros do pop ata o día de hoxe, incluíndo todos os xéneros: pop, rock, folk, canción de autor, hip hop, tradicional, electrónica, blues…

«O obxectivo é que os peregrinos se vaian de Galicia cun retrato en varias cores do que foi e do que é a nosa música. E amosarllo dun xeito didáctico ao tempo que lúdico e orixinal», explica Carlos Crespo.

QR CON LISTA DE REPRODUCIÓN

A sesión combinará a selección musical con comentarios nos que se vaian subliñando os datos fundamentais para que os asistentes poidan disfrutar e entender cada época e os fitos musicais máis destacados que teñan acontecido nelas, con especial atención a estas últimas décadas. Como complemento entregaráselles un folleto con información e un código QR para que poidan escoitar unha lista de reprodución con todos os artistas e as cancións que soaron na sesión. O obectivos é que os peregrinos fagan as etapas do seguintes días escoitando música en galego

As sesións de «Os Camiños das Músicas Galegas» terán lugar, xeralmente, en torno ás 18.30 h, aproveitando ese intre baleiro que os peregrinos teñen cada xornada sobre esa hora.

A maiores, os sábados e os domingos realizarase a maiores unha sesión vermú, ás 13 horas, na que soará só música en galego.

O PERCORRIDO

A xira realizarase en dirección inversa á que realizan os peregrinos para non coincidir nunca cos mesmos. O percorrido comezou o mércores 2 no Pedrouzo e continuará con escalas en Arzúa, Melide, Palas de Rei, Portomarín, Sarria e Triacastela ata chegar ao Cebreiro o día 9 de xuño. De seguido realizaranse catro paradas no Camiño Inglés: Sigüeiro, Ordes, Betanzos e Pontedeume, e cinco no Camiño Portugués: Padrón, Caldas de Reis, Pontevedra, Redondela e Tui. Para rematar con dúas sesión en Santiago de Compostela os días 20 e 21.

ADAPTADO Á NORMATIVA VIXENTE

A celebración das sesións de «Os Camiños das Músicas Galegas» adaptaranse á normativa sanitaria que estea vixente en cada momento. Se non existen restricións especiais que o impidan, colocaranse cadeiras para que o público poida seguir a sesión sentado, mantendo a distancia de seguridade e con máscara. Haberá control de acceso ata completar a capacidade pero son será preciso realizar reserva previa.

LA DUENDENETA

As sesións realizaríanse dende La Duendeneta, unha orixinal discoteca móbil vintage, habilitada nunha furgoneta Avia de 1974. Unha sorte de “music-truck” ben coñecida en Galicia porque nestes últimos anos xa ten estado en infinidade de festas e eventos e en festivais como Portamérica, Atlantic Fest, Festival de Cans, Caudal Fest, Revenidas, ou Surfing’ the Lerez, entre outros.