Betanzos substitúe máis dun milleiro de luminarias nun novo proxecto de aforro enerxético que afecta, principalmente, á zona rural

382

Betanzos executa un novo proxecto de substitución de luminarias convencionais por outras de tecnoloxía led. Trátase dunha nova fase dentro da renovación de todo o sistema pública de luminarias que leva a cabo o goberno local. En total será un investimento, nesta fase, de máis dun millón de euros, do que a Unión Europea achegará o 80%, é dicir, uns 830. 000 euros, e o resto o Concello e que inclúe  actuacións de renovación das instalacións de iluminación pública, iluminación pública e sinalización pública exterior para mellorar a súa eficiencia enerxética e a consecuente redución das emisións de dióxido de carbono.

Nesta  fase substituiranse a totalidade das luminarias do centro histórico, das parroquias de Piadela e Requián, concretamente nos lugares de Viúxe, Montellos, Requián, Xanrozo, Casa Grande, A Graña, Casas Novas, Infesta, O Farragoto, O Coto, Camiño da Estación, Saavedra Meneses, A Peada, As Cascas e A Condesa.

En canto finalice estes traballos, continuarán en Viladesuso, Piadela, Guiliade,  así como parques e outras rúas da zona urbana como o parque Pablo Iglesias, paseo Ramón Beade, rúa Valdoncel, A Cañota, avenida Juan García Naveira, Bartolomé Cossío, Cruz Verde, Irmandades da Fala e poeta Manuel María.

A actuación principal consiste na substitución de 1033 luminarias convencionais por outras con tecnoloxía led. Isto tradúcese nunha redución anual do consumo de enerxía de 326,229.79 kWh, que supón o 59% do consumo actual dese conxunto de luminarias. Este aforro, pola rebaixa de potencia, non afectará, con todo, ao fluxo luminoso que será similar ou, mesmo, superior ao actual.

Inclúense tamén actuacións complementarias necesarias para a adecuación das instalacións ao Regulamento electrotécnico para baixa tensión (REBT) e para garantir o bo funcionamento das luminarias led. Por iso, será  preciso reformar centros de mando e substituír outros. Mediante a actuación substituiranse 1.033 luminarias convencionais por luminarias con tecnoloxía led de potencia moi inferior pero que achegarán un fluxo luminoso similar. Construiranse canalizacións subterráneas e arquetas en tramos onde se considera necesario; novos circuítos eléctricos aéreos, tensado sobre postes ou subterráneos.

Con anterioridade, investíronse outros 539.841,65 euros en rúas do núcleo urbano; principais vías de saída do núcleo urbano en dirección a Ferrol, As Angustias, e Infesta; e estradas en dirección a Oza, Paderne e Sada. A actuación consistiu neste caso na substitución de 662 luminarias convencionais por outras de tecnoloxía led, que se traduciu nunha redución anual do consumo de enerxía do 76% do consumo dese conxunto de luminarias.

Estes dous proxectos subvencionados pola Unión Europea súmanse a outras actuacións en materia de aforro enerxético levadas a cabo polo goberno local: a mellora de seguridade viaria de 40 pasos de peóns en distintas zonas da cidade a través dunha nova iluminación led, especial para este tipo de sinalización, dentro dun proxecto que contemplou a substitución doutras 281 luminarias en varias zonas da cidade con tecnoloxía led.