A Fundación Hospitalarias puxo en marcha un novo taller inclusivo de limpeza de vehículos situado no aparcadoiro de Eroski Center, unha iniciativa orientada a promover a integración social e laboral das persoas residentes vinculadas á entidade.
O proxecto nace co obxectivo de xerar oportunidades reais de emprego nun contorno normalizado, favorecendo o desenvolvemento de habilidades profesionais e a participación activa na comunidade. O servizo xa se atopa operativo e ofrece á cidadanía unha alternativa de limpeza de vehículos cun marcado compoñente social.
Durante a presentación, a alcaldesa, María Barral, subliñou a relevancia da colaboración institucional e empresarial para avanzar en políticas de inclusión. A rexedora destacou que este tipo de iniciativas “reforzan o compromiso do municipio coa igualdade de oportunidades e coa integración laboral das persoas máis vulnerables”.
Desde Fundación Hospitalarias valórase moi positivamente a acollida do proxecto e confíase en que o taller poida consolidarse como un recurso estable de inserción sociolaboral, ao tempo que presta un servizo útil á cidadanía. A entidade continúa así ampliando os seus programas orientados á inclusión e á participación comunitaria.











