A Policía Local trasladou as súas oficinas ao edificio Liceo. Ocupa a zona que ata agora albergaba os servizos de Urbanismo, que se manterán tamén no Liceo, pero na zona máis próxima á Alameda, xunto ao departamento de Obras. O resto de servizos de atención á veciñanza manteñen as súas oficinas no Liceo.
A Policía Local terá un horario de atención ao público de luns a venres de 09:00 a 14:00 horas, cun servizo telefónico permanente de 24 horas para información xeral, atestados e obxectos perdidos (981770694) e outro de emerxencias (981770602).
Para a adaptación das novas dependencias, o Concello realizou distintos traballos de remodelación que incluíron a construción de vestiarios, oficinas de atención, despachos e armeiro. Será o paso intermedio como sede policial que, como anunciou no seu día o Concello, se ubicará nun futuro no antigo edificio de Sindicatos.
Co traslado da Policía Local libéranse a súas antigas instalacións do casco histórico que albergarán un centro museístico e un centro de información turística. O proxecto completa a rehabilitación do inmoble coa idea de crear ese CIT (Centro de Información Turística) coa potenciación do coñecemento da cidade, cunha zona documental museística permanente sobre o antigo Reino de Galicia que manteña o interés e as visitas de betanceiros e betanceiras, así como de visitantes, e con espazos para conferencias ou charlas que promovan a actividade.
Precisamente, a Deputación e o Concello asinaron un protocolo de intencións para a posta en marcha desta exposición que ten como obxectivo contribuír á difusión da historia e a identidade de Galicia a través dunha instalación museográfica estable.
O acordo establece o compromiso do Concello en redactar e executar o proxecto de rehabilitación do edificio para adaptalo ás necesidades técnicas e espazos que require unha instalación expositiva permanente, de xeito que se garantice así unha serie de espazos diáfanos e accesibles.
Xunto a esta parte museística, tamén se habilitará un espazo para os servizos turísticos, polo que se trasladará a estas instalacións a oficina municipal de Turismo (sita agora no edificio Liceo). Este espazo que agora ocupa a oficina formará parte dos accesos ao Liceo.











