Andainas interpretativas guiadas outono 2024

598

O Concello de Betanzos retoma para este outono o sendeirismo coas andainas interpretativas guiadas, unha actividade para descubrir e coñecer singularidades do medio natural, a flora e a fauna, as historias, curiosidades e anécdotas dos lugares e das paisaxes galegas, para desfrutar da actividade física ao aire libre e en contacto coa natureza.

Esta actividade forma parte da programación deportiva anual do Departamento de Deportes do Concello de Betanzos, que ten como obxectivo fomentar a práctica da actividade física entre a poboación en xeral.

 

As rutas elixidas e programadas para este outono son:

– Ruta “A Capelada, camiño a Santo André de Teixido”, os domingos 3 e 10 de novembro, duns 12 km e dificultade baixa-media.

– Ruta “Alto das Fragas do Eume: as fragas a vista de paxaro”, os domingos 17 de novembro e 1 de decembro, duns 13 km e dificultade media.

A cota de inscrición para a participación é de 15 euros por andaina.

O prazo de preinscrición para a primeira Ruta “A Capelada, camiño a Santo André de Teixido” comezará o venres 25 de outubro ás 10:00 h da mañá a través do formulario habilitado na web do Concello de Betanzos, www.novas.betanzos.gal, e rematará o luns 28 ás 14:00 h (ou cando se esgoten as prazas). Confirmarase a praza ese luns 28, e terase que facer o pagamento o martes 29 ou mércores 30.

Para a segunda Ruta “Alto das Fragas do Eume: as fragas a vista de paxaro” o prazo comezará o xoves 7 de novembro, tamén ás 10:00 h, e estará aberto ata esgotar as prazas, e as persoas que non obteñan praza quedarán na listaxe de espera.

En cada andaina hai 50 prazas por orde de inscrición e terán preferencia as persoas empadroadas no Concello de Betanzos. A participación nas andainas terá que ser confirmada polo Departamento de Deportes do Concello de Betanzos unha vez comprobado o padrón municipal e despois de aboar a taxa de 15 euros por persoa na Oficina Virtual Tributaria.

As saídas serán ás 09:00 h en autobús desde o cantón Claudino Pita, traslado ata o destino, realización da Andaina interpretativa guiada, e regreso a Betanzos sobre as 17:00 h – 18:00 h. Hai que levar o xantar (bocadillo, bebida, froita, etc) nunha mochila pequena e roupa e calzado axeitado, especialmente se hai previsión de choiva.

As persoas menores de idade deberán ir acompañadas dunha persoa adulta responsable.

Máis información no Departamento de Deportes, teléfono 981 770 100.