As praceiras iniciarán o martes a actividade nas galerías de Pintor Seijo Rubio coincidindo co inicio das obras de recuperación do Mercado Municipal .

311

O Concello iniciará nos próximos días as obras de recuperación do mercado municipal do centro histórico unha vez que os postos de venda de peixaría e a carnizaría que ata agora estaban nas instalacións se trasladaron ás galerías comerciais da rúa Pintor Seijo Rubio.

O Concello estudou xunto coas persoas responsables dos postos diversas alternativas para trasladalos mentres duraban as obras de recuperación do mercado e finalmente acordouse reiniciar a actividade de venda en tres postos das galerías que foron alugados polo Concello, que tamén se encargou de adaptalos tanto para a venda de peixe como de carne. A actividade comezará o vindeiro martes.

Mentres, a empresa adxudicataria das obras do mercado foi notificada para que iniciase os traballos previstos, algo que se producirá a próxima semana. Trátase dun dos proxectos incluídos no plan de Axudas de Recuperación, Transformación e Resilencias do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana cunha achega de 1,4 millóns de euros.

O obxectivo é dispor dun novo concepto de Mercado, no que a oferta de produtos agrolimentarios; os postos de peixaría ou de carnizaría, se mesturen cunha oferta hostaleira e facer do Mercado un edificio de referencia nesa recuperación e impulso do centro histórico.

O proxecto ten como obxectivo crear un novo modelo de Mercado Municipal que “xunte o uso tradicional con outros de carácter gastronómico” que poida atraer un público máis extenso, tanto local como turístico.  Porase en valor as características espaciais do inmoble orixinal eliminando a planta engadida e recuperando a claridade espacial. Perforacións nos forxados existentes na planta primeira permitirán mellorar a iluminación natural da planta baixa semisoterrada. Ademais crearanse novos postos de venda.

A proposta busca ser un referente na rexeneración dos mercados de abastos tradicionais, propondo un modelo de mercado inclusivo. Entre outras características, o proxecto incorpora sistemas de reciclaxe de auga para rega da plantación interior ornamental;  e planta de compostaxe de restos orgánicos. Na cuberta colocaranse paneis fotovoltaicos para a produción de enerxía renovable.

Entre as actuacións previstas restaurarase a fachada orixinal de forma integral, retirando aqueles elementos engadidos que a degradaron; recuperando a espacialidade orixinal do edificio, desmontando  a alzadeira non orixinal; e recuperando para a sinaléctica do recinto a tipografía orixinal dos letreiros do mercado.