Andainas interpretativas guiadas outono 2023

198

PRAZAS ESGOTADAS

O Concello de Betanzos retoma para este outono o sendeirismo coas andainas interpretativas guiadas, unha actividade para descubrir e coñecer singularidades do medio natural, a flora e a fauna, as historias, curiosidades e anécdotas dos lugares e das paisaxes galegas, para desfrutar da actividade física ao aire libre e en contacto coa natureza.

Ricardo Cheda concelleiro de deportes, Gonzalo Rivas técnico de deportes do Concello de Betanzos e Oscar Freire director de proxectos de Oxigeno Gestión.

Esta actividade forma parte da programación deportiva anual do Departamento de Deportes do Concello de Betanzos, que ten como obxectivo fomentar a práctica da actividade física entre a poboación en xeral.

As rutas elixidas e programadas para este outono son:

Ruta “Costa de Laxe, camiño a Traba”, os domingos 22 e 29 de outubro, duns 12 km e dificultade media. Saíndo da vila mariñeira de Laxe, faremos unha fermosa ruta costeira na que visitaremos o faro de Laxe, a furna da Espuma, a praia dos Cristais, da subida ao penedo de Soesto para desfrutar cunhas vistas impresionantes, as praias de Soesto (onde xantaremos), Castrallón e Arnado, a praia de Traba e a súa lagoa ata chegar a Mórdomo, onde rematará a andaina.

Ruta “Terras do Furelos, a fervenza de Toques”, os domingos 5 e 12 de novembro, duns 14 km e dificultade media-baixa. Camiñaremos polo val do río Furelos, subindo ata o lugar dos Curros para divisar a serra do Careón, baixaremos ata a igrexa prerrománica de Santo Antoniño de Toques, cruzaremos unha escura e fermosa fraga ata Toques, onde xantaremos, para logo remontar o río Furelos ata chegar á fermosa fervenza das Brañas, para rematar a andaina preto da igrexa de Santa Mariña das Brañas.

As saídas serán ás 09:00 h en autobús desde o cantón Claudino Pita, traslado ata o destino, realización da ruta interpretativa e guiada, e regreso a Betanzos sobre as 17:00 h – 18:00 h. Hai que levar o xantar (bocadillo, bebida, froita, etc) nunha mochila pequena e roupa e calzado axeitado, especialmente se hai previsión de choiva.

As persoas interesadas poderán inscribirse a través da páxina web do Concello de Betanzos, www.novas.betanzos.gal a unha ou ás dúas andainas. En cada unha hai 50 prazas por orde de inscrición e terán preferencia as persoas empadroadas no Concello de Betanzos. A praza para a participación nas Andainas terá que ser confirmada polo Departamento de Deportes do Concello de Betanzos. As persoas menores de idade deberán ir acompañadas dunha persoa adulta responsable.

O prazo de inscrición comezará o mércores 11 ás 10:00 h da mañá, a través do formulario habilitado na páxina web municipal para a inscrición nas andainas interpretativas e estará aberto ata esgotar as prazas ou ata o venres 13 de outubro.

Máis información no Departamento de Deportes, teléfono 981 770 100.