Barral anuncia en Fitur a intención do Concello de crear un selo de garantía da Tortilla de Betanzos para os hostaleiros e hostaleiras do municipio

66

Betanzos pretende dar un paso máis na promoción da tortilla de Betanzos. A alcaldesa, María barral, destacou esta mañá en Fitur o crecemento da marca tortilla de Betanzos durante estes últimos anos froito do traballo dos hostaleiros e o Concello ata ter “un recoñecemento como a mellor tortilla de España”.

A primeira edil explicou que o goberno local continuará potenciando a Semana da Tortilla na que cada ano participan máis dunha vintena de establecementos hostaleiros e a presenza de Betanzos promocionando este produto noutras feiras gastronómicas.

Neste sentido, anunciou a intención de crear un selo que garantirá que a tortilla que “degustamos en calquera establecemento hostaleiro de Betanzos responde as características do noso produto, é dicir, unha tortilla solta, elaborada a base de pataca, ovo, aceite de oliva e sal”.

A primeira edil explicou que con este selo “pretendemos distinguir entre os hostaleiros de Betanzos, que utilizan produtos de proximidade da nosa comarca para a elaboración da tortilla e que levarían este selo de garantía, doutros que, non son de Betanzos, e inclúen nas súas cartas este tipo de tortilla”.

Para este segundo grupo e nunha segunda fase do programa crearíase o denominado selo de “tortilla estilo Betanzos”.

Durante o acto de presentación a alcaldesa incidiu ante numerosos tourperadores que estaban presentes na caseta de Galicia no papel de Betanzos como destino turístico, destacando a súa historia, cultura, festas, comercio e gastronomía. María Barral fixo especial fincapé no centro histórico, como referencia do gótico galego, as rúas desta zona, as portas medievais; a Betanzos ambiental con rutas de sendeirismo ao longo dos ríos Mendo e Mandeo; o legado dos irmáns García Naveira, onde destacou o Pasatempo e o seu proxecto da súa recuperación.