Betanzos acolle a presentación da primeira regata do V Circuíto da Deputación da Coruña

136
PRESENTACION TRAVESIA RIA DE BETANZOS 29-maio-2026

O Cine Alfonseti acolleu o pasado 29 de maio a presentación da primeira regata do V Circuíto da Deputación da Coruña, unha competición que se celebrará en Betanzos os días 13 e 14 de xuño, coincidindo coas festas do barrio da Ribeira.

O Concello de Betanzos colabora estreitamente na organización deste evento deportivo, reafirmando así o seu compromiso co fomento do deporte local e coa promoción de actividades que contribúen á dinamización social e deportiva da cidade.

Durante o acto presentáronse tamén todas as categorías do Club Ría de Betanzos-Piragüismo, desde os deportistas veteráns ata os máis pequenos da entidade, poñendo de relevo o importante labor formativo e deportivo que o club desenvolve desde a base.

Na presentación estiveron presentes a alcaldesa de Betanzos, María Barral; o concelleiro de Deportes, Ricardo Cheda, o presidente da Federación Galega de Piragüismo, José Alfredo Bea; o deputado provincial José Ramón Rioboo; eo presidente do Club Ría de Betanzos-Piragüismo, David Veiga;

As autoridades participantes trasladaron o seu apoio ao deporte local e ao deporte de base, destacando o traballo que o club betanceiro realiza na formación de novos deportistas e na promoción dos valores asociados á práctica deportiva.

A celebración desta primeira regata do V Circuíto da Deputación da Coruña converterá a cidade nun referente do piragüismo provincial durante esa fin de semana, reunindo a deportistas e afeccionados nunha cita que contribuirá tamén á proxección de Betanzos e á dinamización da súa actividade social e económica.