Betanzos adxudica os traballos de restauración da primeira fase das obras do Pasatempo, nas que se investirán uns 485 000 euros

478

O Concello acaba de adxudicarlle as obras da primeira fase de restauración e conservación do estanque do Retiro do Pasatempo, a primeira actuación do plan de recuperación que impulsa. Trátase das primeiras obras incluídas no convenio asinado entre o propio Concello e a Deputación (que prevé un investimento de 750 000 euros) para as que se destinarán finalmente 485 599 euros (prezo de adxudicación).

Os traballos non comezarán antes de dous meses e prolongarase por 15 meses. Tendo en conta a complexidade das actuacións, os traballos serán realizados por unha empresa especializada en restauración e rehabilitación, que  acreditou a súa solvencia técnica cunha relación de obras executadas no últimos cinco anos, avaladas con certificados de boa execución.

A alcaldesa, María Barral, explicou que “aínda que a intención do Concello era adxudicarlle  os traballos antes, o certo é que os trámites administrativos e económicos para preparar a licitación xunto á redacción do propio proxecto, que foi complexa, levou a que todo este proceso leva máis tempo do esperado, ao que houbo que sumar os procesos  establecidos para a súa autorización”.

A alcaldesa destacou o papel “fundamental” que neste proceso tivo e ten a Deputación “co seu presidente á fronte, que desde o primeiro minuto se implicou para destinar ao Pasatempo unha partida que entendemos moi importante e que permite iniciar un proceso de recuperación, por fases, que sen a súa achega sería imposible”.  Barral insistiu de novo en que “a colaboración da Xunta non pode limitarse á redacción do plan director senón que debe achegar unha cantidade económica, como mínimo, similar á Deputación, tendo en conta que, ademais, se trata dun Ben de Interese Cultural”.

O proxecto ten como obxectivo conseguir que todos os elementos arquitectónicos do estanque poidan ser percorridos polo público para o seu coñecemento e goce, e sexan seguros desde o punto de vista funcional e estrutural e adecuados desde o punto de vista estético; á vez de intervir no material escultórico para a súa estabilización e conservación, evitando en xeral completar as pezas deterioradas, propondo cinguir a reintegración volumétrica a aqueles elementos que resulten perturbadores para o ollo do espectador, e para conseguir que se facilite a lectura escultórica.

Os criterios xerais desta  primeira fase da actuación será asegurar ou reforzar os elementos estruturais, que presenten risco de caída, derrubamento ou alteración significativa; unicamente despois de asegurar esta e calquera outro con especiais requirimentos estruturais, restauraranse os os elementos decorativos.

Un exemplo claro desta metodoloxía, segundo indicou a alcaldesa,  sería o da columna gretada do fornelo; unicamente despois de resolver o problema de apoio do fornelo, e para iso vai ser necesario proceder ao desmontaxe, arranxo e posterior recolocación da columna, restauraranse as diferentes partes superficiais da columna.

Destacou que, con base ao proxecto técnico, procurarase que os materiais para empregar sexan do mesmo tipo que os utilizados na obra orixinal, mais diferenciándose en cor ou textura, para deixar explícito, cal é o orixinal e cal a reconstrución realizada. Soamente se achegará novo material cando as necesidades estruturais, funcionais, ou de comprensión, o recomenden. Dada a variedade da intervención en cada peza, ou conxunto, requirirá dunha metodoloxía singular.