Betanzos aposta pola recuperación do Mercado do centro histórico para que albergue gastronomía e postos de venda

274
A alcaldesa, María Barral, durante a presentación pública do anteproxecto

Impulsar e revitalizar. Baixo ese prisma o goberno local acaba de presentar ao plan de Axudas de Recuperación, Transformación e Resilencias do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana un anteproxecto de recuperación integral do mercado Municipal.

O obxectivo é conseguir que a través de estes fondos europeos o Concello dispoña dun novo concepto de Mercado, no que a oferta de produtos agrolimentarios; os postos de peixaría ou de carnizaría, se mesturen cunha oferta hostaleira e facer do Mercado un edificio de referencia nesa recuperación e impulso do centro histórico. Así o explicou a alcaldesa, María Barral, durante a presentación pública do anteproxecto encargado a unha empresa especializada neste tipo de actuacións. “Trátase de dar un paso máis nese obxectivo que temos de impulsar o centro histórico. Por unha banda, coa recuperación de vivendas e a mellora de rúas e viarias; e por outro, con proxectos que sexan tamén motor de actividade”, indicou a primeira edil.

O anteproxecto, presentado esta semana ante o Ministerio, ten como obxectivo crear un novo modelo de Mercado Municipal que “reúna o uso tradicional con outros de carácter gastronómico” que poida atraer un público máis extenso, tanto local como turístico.  Para iso preténdese revitalizar o espazo, e deseñar un espazo actual, sensible coas demandas sociais, comprometido con aforro enerxético e que sexa referente en dixitalización.

O proxecto pretende recuperar o edificio histórico e pór en valor as características espaciais do inmoble orixinal eliminando o andar engadido e recuperando a claridade espacial. Perforacións nos forxados existentes na planta primeira permitirán mellorar a iluminación natural da planta baixa semisoterrada. Ademais crearanse novos postos de venda.

A proposta presentada busca ser un referente na rexeneración dos mercados de abastos tradicionais, e propor un modelo de mercado inclusivo. Entre outras características, o proxecto incorporará sistemas de reciclaxe de auga para rega da plantación interior ornamental; e planta de compostaxe de restos orgánicos. Na cuberta colocaranse paneis fotovoltaicos para a produción de enerxía renovable.

A intervención proposta neste anteproxecto ten tamén como obxectivo potenciar as características que fan desta edificación un espazo excepcional dentro da cidade pola claridade construtiva, pola xenerosidade espacial e polo material. Por iso, todas as actuacións que se realicen deberán potenciar estes fundamentos, restaurando a fachada orixinal de forma integral e retirando aqueles elementos engadidos que a degradaron; recuperando a espacialidade orixinal do edificio, desmontando para iso a entreplanta non orixinal; e recuperando para a sinalización do recinto a tipografía orixinal dos letreiros do mercado.

O custo do proxecto alcanza os 1,5 millóns de euros dos que o Concello opta a que se subvencione algo máis de 1,4 millóns, deixando a achega municipal nos 78.000 euros.

A primeira edil explicou que se o proxecto conta co apoio para ser executado “o Concello traballa xa, en paralelo, para que a actividade asociativa que se realiza actualmente no andar superior do mercado se desenvolva noutro edificio, adaptado e cos medios técnicos apropiados, para que estas entidades poidan continuar o seu labor”.