O Concello comeza a recuperación da edificación máis antiga de Betanzos, que será destinada a usos sociais e culturais

386

Betanzos está un pouco máis cerca de contar coa que está considerada a edificación máis antiga da cidade. Esta semana comezaron os traballos de reconstrución do convento das Donas, unha actuación que levará a cabo unha empresa especializada e que “forma parte dos proxectos de recuperación patrimoniais que quere impulsar este goberno.

 

Coas actuacións de carácter administrativo vinculadas á recuperación da Casa Gótica; coa adquisición do edificio dos sindicatos; ou os proxectos de mellora do mercado municipal ou o centro cultural San Domingos, todo isto forma parte de esa recuperación patrimonial que quere levar, e de feito xa está a levar, o Concello”. Os primeiros traballos, que consisten na limpeza dos restos da antiga edificación, foron visitados pola alcaldesa, María Barral, e o concelleiro de Infraestruturas, Diego Fernández, que se reuniron con representantes da empresa adxudicataria para valorar estes primeiros días de traballo e coñecer as impresións sobre o estado da edificación e a planificación prevista para o desenvolvemento da obra.

A actuación alcanza os 372 700 euros, financiados entre a Deputación e o Concello, cunha achega, a municipal, de máis de 200 000 euros. Con este proxecto intentarase “devolverlle vida a unha peza singular, o dereito a ser utilizado e entendido como espazo público de uso”, segundo explicou a alcaldesa. “Será unha obra singular, unha aposta deste goberno por recuperar o patrimonio para o uso da veciñanza, unha construción que será un referente polo que significa para Betanzos”, indicou o concelleiro de Infraestruturas, Diego Fernández

A proposta ten como obxectivo conseguir un espazo que sexa referencia, non polo seu tamaño, senón por devolverlle o valor que a construción representou na contorna e para a xente daquela época. Un espazo que dote de carácter ao conxunto sen alterar o volume e o revalorice, que permanece dende a orixe da construción.

O proxecto inclúe uns criterios da intervención que se poden resumir en: conservar todo aquilo que se recoñece como parte da edificación conventual e eliminación de aditamentos que co tempo se lle foron engadindo sen criterio e que se atopan, ademais, en ruína; Conservar as testemuñas das diferentes épocas e usos que tivo o monumento, devolverlle ao conxunto a posibilidade de uso; e completar o existente cos servizos necesarios, distinguindo claramente unha nova edificación da existente.

Os usos que a actuación proxecta para este inmoble están en relación coa poboación da contorna, adaptada ás súas necesidades. Contémplase a creación de espazos onde as actividades de lecer, estudo, exposición e convivencia, colectivas en xeral, se poidan desenvolver. O programa tradúcese na creación dun centro sociocultural, con dúas salas de uso múltiple.

Estes obxectivos concrétanse en conseguir un espazo representativo na á Oeste, que se mantería o corpo principal do conxunto, orixinariamente de dous andares que non chegaron a nós, proponse limpalo e deixalo como unha sala única, a dobre altura, acorde co novo uso multifuncional, fronte ao seu uso orixinal de dependencias domésticas, e nun intento, ademais, de “monumentalizar” e facer recoñecible o seu valor histórico.

Recuperar o concepto de patio. Á hora de propoñer espazos complementarios que fixeran utilizable a edificación existente e deran sentido ao restos atopados, o proxecto propón un patio, tal e como o conxunto tiña no orixe, e resulta propio da tipoloxía conventual ou de pazo. O patio, entendido así como interior delimitado, trata de recuperar un espazo de encontro significativo, de acceso aos distintos corpos e con capacidade para “recoller” o parque contiguo co que intenta dialogar.

Os muros que hoxe vemos seguirán a ser a envolvente definidora e a imaxe do conxunto. A carón deles o patio confeccionarase cun peche acristalado que define espazos e permite a percepción do espazo orixinal. Con esta nova confección do conxunto obterase unha antesala, espazo de chegada (recibidor) localizada na entrada principal que tivo o Convento, co arco de acceso como elemento distintivo e referencial; unha segunda sala multifuncional complementaria; e espazos onde situar aseos, instalacións e servizos necesarios para transformar o conxunto nun centro de actividades colectivas.

En definitiva, as actuacións pasan por rehabilitar o corpo principal como espazo único, cunha única planta, e obter un espazo amplo, de dimensións e escala acordes co uso colectivo; a integración e restauración dos muros do perímetro que se conservan; posta en valor dos arcos, como elementos singulares, e incorporación de novos  espazos coa creación dun patio cunha antesala de chegada, onde se localizan os servizos, instalacións, armarios, futuros paneis informativos e calquera outro elemento que indique e invite ao uso das actividades que en cada momento se desenvolvan no conxunto, con acceso dende a rúa e dende o patio, para recoller tódolos posibles tránsitos, e dende o que se chega a todos os locais; unha sala de usos múltiples; un espazo pensado para ser utilizada como sala de reunións, de charlas, actividades lúdicas para nenos ou persoas adultas, definida polo muro e un peche acristalado que delimita o patio.